Trenor anima á cidadanía a participar no “Festival Mar de Mares” que acollerá A Coruña e que porá en valor os océanos e os produtos pesqueiros galegos

Gonzalo Trenor destacou o importante esforzo do Goberno autonómico para difundir os produtos da artesanía e da industria alimentaria ligada ao mar a través do Mercado e Festa do Mar que terá lugar o sábado 17 e domingo 18 de setembro no Parrote

A Coruña, 15 de setembro de 2022

O delegado territorial da Xunta na Coruña, participou esta mañá na apertura da novena edición do Festival Mar de Mares, que terá lugar do 15 ao 18 de setembro, coa inauguración da exposición Un lugar frío e solitario. As viaxes de Scott e Shackleton ao polo sur. Trenor destacou na súa intervención, o importante papel de vixilancia, pedagoxía e reivindicación que xoga o “Festival Mar de Mares”. Neste senso, recalcou que “só na Coruña podería ter lugar un festival coma este. A nosa cidade é o escenario ideal para reivindicar o mar como un dos grandes motores económicos, culturais e de lecer de Galicia. A Coruña é a gran reserva de salitre e mar de Galicia, de España e de Europa”.

 

Sobre a exposición que se presentou na Mariña subliñou que “son 22 fotografías que tratan de devolver a honra e o recoñecemento a quen ocupou o segundo lugar nas fazañas polares, pero que ben se merecen este e outros moitos tributos. Ambos representan o afán por explorar o descoñecido, a entrega á ciencia e o desprendemento da zona de confort cando a evolución do home, o seu coñecemento, se poñen enriba da mesa”.

 

Trenor destacou que nesta novena edición, “a cidade se converterá un ano máis na capital dos océanos, xa que é o mellor escenario para a celebración deste amplo programa con varias actividades que teñen como obxectivo concienciar á cidadanía sobre a importancia da protección dos nosos ecosistemas mariños” .

 

No Festival Mar de Mares de 2022 a Xunta de Galicia fai un importante esforzo por dar a coñecer e pór en valor os produtos da artesanía e da industria alimentaria ligada ao mar a través do Mercado e  Festa do Mar que volve ao Parrote. Este evento terá lugar o sábado 17 e o domingo 18 de setembro e nel poderanse degustar os mellores produtos mariños de Galicia nun ambiente festivo e cheo de sorpresas.

 

O delegado da Xunta rematou recalcando que “Mar de Mares é a imprescindible conciencia permanente de que Galicia é mar e de que o mar se merece o noso amparo, a nosa atención e o noso amor”.

Imaxes relacionadas