A Xunta colabora no marco do seu proxecto Artesanía no Prato co encontro Ferve, que se celebra esta fin de semana en Pontevedra

Os asistentes ás demostracións gastronómicas incluídas no programa poderán degustar os menús en pezas elaboradas por oito obradoiros da marca Artesanía de Galicia, especializados na cerámica, o coiro, a madeira e a fabricación de coitelos
 

Galicia Calidade promociona os produtos certificados da man dos chefs Iñaki Bretal e Héctor López

Pontevedra, 15 de setembro de 2022

Artesanía de Galicia colabora coa primeira edición do evento Ferve Estrella Galicia, que se celebra esta fin de semana na Alameda de Pontevedra, no marco do seu proxecto Artesanía no Prato. Na iniciativa búscase xuntar gastronomía, música e produto artesán.

 

Ferve, que conta tamén coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia, é un evento no que a cultura da cervexa, a música e a gastronomía serán as protagonistas, e no que participarán chefs como Javier Olleros, Pepe Solla, Diego Guerrero, Vicky Sevilla ou Iñaki Bretal, e músicos como Baiuca, A Banda de Latexa Motiv, Marilia Monzón ou Xoel López. Toda a programación do festival pode consultarse en https://estrellagalicia.es/ferve/.

 

A Xunta colabora incorporando a Artesanía de Galicia ao evento a través da cesión de pezas de oito obradoiros artesanais, especializados no traballo coa cerámica, o coiro, a madeira e a elaboración de coitelos. Deste xeito, os participantes nos diferentes showcookings poderán degustar menús elaborados por prestixiosos profesionais da mellor gastronomía galega e servidos en pezas de Artesanía de Galicia, dos obradoiros Alberto Lista (Malpica de Bergantiños), Armaior (Quiroga), Arobe Cerámica (A Coruña), Celso Ferreiro (A Fonsagrada), Elena Ferro (Vila de Cruces), Laura Delgado (Cambre),  Raposiñas (A Pobra do Caramiñal) e Witchneeds (Vigo).

 

Galicia Calidade, dependente tamén da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, estará presente así mesmo no festival, no que a marca realizará dous showcookings con produtos certificados da man de dous chefs ,tamén avalados polo selo, como Iñaki Bretal do Restaurante Eirado da Leña, en Pontevedra, e Héctor López do Restaurante España de Lugo.

 

O sábado será o turno do lucense Héctor López, que ofrecerá aos asistentes os produtos das empresas Merluza de Celeiro, Cabo de Peñas, Luís Escurís Batalla e Daniberto.

 

O domingo, o chef Iñaki Bretal fará o propio cos produtos das empresas Granja Campomayor, Patatas Conde, Merluza de Celeiro, Mariscos Alumar, Galifresh, Bico de Xeado, Feiraco ou Kiwi Atlántico.

 

Artesanía no Prato

Artesanía no Prato é un proxecto impulsado pola Xunta desde o ano 2013 no que a artesanía se une coa cociña máis vangardista a través de demostracións gastronómicas de prestixiosos chefs galegos. Esta iniciativa permite que talleres de artesanía de diferentes oficios entren en contacto directo con profesionais do sector da gastronomía. Froito destes anos de traballo, e das xornadas bianuais que se organizan desde a Xunta de Galicia, están a xurdir proxectos de colaboración entre artesáns e cociñeiros que cada vez son máis numerosos.

 

Artesanía no Prato foi seleccionado en dúas ocasións como finalista nos Premios Nacionais de Artesanía, nos anos 2019 e 2020, na categoría de Premio Promociona para Entidades Públicas, e no ano 2021, foi seleccionado como exemplo de boas prácticas no programa europeo Crafts Code, orientado a mellorar a competitividade das pemes no sector da artesanía, a impulsar o seu crecemento e a promover a innovación, no que a Fundación Artesanía de Galicia participa desde o ano 2020.