A Xunta convoca para outubro e decembro os propietarios dos terreos necesarios para a construción dunha senda peonil na estrada AC-524 no Concello de Frades
O levantamento de actas previas terá lugar o 14 de outubro na Casa do Concello de Frades e a formalización será o 16 de decembro no mesmo lugar
A intervención suporá un investimento autonómico de 242.000 € e conta cun prazo de execución de 4 meses
Construirase unha senda de 770 metros pola marxe esquerda da estrada, que permitirá a conexión do núcleo rural de Pibideira cos do Pazo e Sobre dos Campos
A Xunta continúa traballando na dotación de itinerarios nas marxes das estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para outubro e decembro, dos actos expropiatorios para executar unha senda na estrada autonómica AC-524 no concello de Frades.
Esta intervención de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica ao seu paso polo municipio coruñés suporá un investimento de 242.000 euros e conta cun prazo de execución de 4 meses.
Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o 14 de outubro, ás 10:30 horas na Casa do Concello de Frades. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 16 de decembro, no mesmo lugar e á mesma hora. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/PCKoPZ .
Trátase de desenvolver a senda peonil e ciclista pola marxe esquerda da AC-524, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7+820 e 8+590, de xeito que se dará continuidade á senda xa existente na travesía de Abellá.
A nova senda, que terá 770 metros de lonxitude, permitirá a conexión do núcleo rural de Pibideira cos do Pazo e Sobre dos Campos.
A sección tipo neste treito da estrada constará de dous carrís de 3,50 metros, beirarrúa de 1,40 metros, unha senda de 2,50 metros en cor terriza e gabia transitable de 1,20 metros.
As obras de pavimentación terán en conta os accesos a propiedades privadas, que serán en formigón coloreado con mallazo e de cor terra natural, empregándose nas zonas de cruce con outras vías pavimento táctil de cor e textura diferente, indicador de advertencia ou proximidade. Nos pasos de peóns colocarase pavimento táctil direccional.
Tamén se executará o sistema de drenaxe de augas pluviais e a reposición daqueles servizos afectados pola intervención, incluíndose a recolocación dos sinais verticais e colocación de captafaros. Tamén se prevé a preinstalación do alumeado público.
Con estas intervencións, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dá resposta a unha actuación demandada polo Concello, que busca fomentar a mobilidade sustentable nesa contorna, con vivendas situadas nas marxes da estrada, para favorecer os desprazamentos a pé, alternativos ao uso do vehículo particular, e mellorar a seguridade viaria dos peóns, os usuarios máis vulnerables da estrada.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade, a sustentabilidade e a comodidade nos desprazamentos dos viandantes.