A Xunta convoca para outubro e decembro os propietarios dos terreos necesarios para executar a senda na AC-552 entre Pastoriza e Vilarrodís, en Arteixo

O levantamento de actas previas terá lugar o día 11 de outubro na Casa do Concello e a formalización será o 15 de decembro no mesmo lugar

A intervención, cun investimento de máis de 150.000 euros, favorecerá a circulación a pé ao longo dun treito desta vía autonómica coincidente cunha intersección, reformulando o cruce e habilitando o espazo para o encaixe do novo itinerario

Esta nova actuación forma parte dunha actuación máis ampla de mellora da mobilidade peonil na contorna, que xa conta en sentido Arteixo cun camiño para peóns paralelo á vía, e en sentido Pastoriza construirase, nunha actuación posterior, unha beiravía protexida

A Xunta segue traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro
 

 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2022.- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para os vindeiros meses de outubro e decembro, dos actos expropiatorios necesarios para a execución das obras dun treito de senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-552, entre Pastoriza e Vilarrodís, no concello de Arteixo.

Esta intervención de mellora da seguridade viaria e de promoción da mobilidade sustentable suporá un investimento autonómico de máis de 150.000 euros, tendo en conta o pagamento dos terreos necesarios para a execución da actuación. Os traballos teñen un prazo de execución de 3 meses.

 

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o 11 de outubro, ás 10:30 horas na Casa do Concello de Arteixo. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 15 de decembro, no mesmo lugar e á mesma hora. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/t19M4e .

A intervención posibilitará a circulación a pé nun punto da AC-552 que ten unha configuración complexa. Para iso proxéctase a execución dun itinerario peonil continuo, o reforzo do firme da vía e outras actuacións de reforzo da seguridade viaria.

 

Máis en concreto, actuarase no treito desta vía autonómica situado entre os puntos quilométricos 5+280 e 5+410, que coincide cunha intersección, reformulando a propia intersección para maior seguridade viaria e habilitando o espazo para o encaixe da senda.

 

Esta intervención da Xunta forma parte dunha actuación máis ampla de mellora da mobilidade peonil entre Pastoriza e Vilarrodís. En sentido Arteixo hai un camiño paralelo á estrada, que a día de hoxe xa poden percorrer os peóns; e en sentido Pastoriza dotarase dunha beiravía protexida con balizas, que será obxecto dunha actuación posterior de mellora.

Segundo o proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas, a intervención comeza na travesía da Maceira, desde o punto quilométrico 5+280 ata o 5+330, onde se prevé executar unha senda de formigón de 2 metros de ancho, que irá separada do carril de vehículos mediante bordo. Para contar co espazo necesario para a senda, a vía actual ampliarase cara ao noiro existente na marxe dereita da AC-552, grazas a un novo muro de mampostería.

 

A segunda intervención céntrase no camiño existente no punto quilométrico 5+330 ata o 5+370, dando continuidade á sección anterior sobre un camiño actual de terra.

 

A terceira actuación ocúpase do tramo da vía autonómica que vai do punto quilométrico 5+370 ata o 5+410, continuando co itinerario peonil proxectado. Este treito disporá dun ancho mínimo de 2 metros, que se ampliará ata os 3,5 metros para enlazar co itinerario proxectado cara a Pastoriza.

Tamén está prevista a execución dun carril de aceleración desde o punto quilométrico 5+370, para a correcta incorporación á estrada AC-552, separado da senda peonil mediante unha barreira de formigón.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro co fin de fomentar a mobilidade sustentable.