A Xunta destaca a importancia de que a política de competencia responda aos desafíos da era dixital para velar polos dereitos das persoas consumidoras

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Santiago de Compostela na apertura do congreso internacional Novos remedios de competencia para a economía dixital

 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2022.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avogou esta mañá por unha política de competencia adaptada ao novo escenario económico para asegurar o correcto funcionamento do mercado dixital e garantir os dereitos das persoas consumidoras.

 

Conde participou na apertura do congreso internacional Novos remedios de competencia para a economía dixital, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e que contou coa colaboración da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), da que Conde destacou a importante labor de vixía que desenvolve coa implicación das autoridades autonómicas, como é o caso da Comisión Galega da Competencia, dentro do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

 

Na súa intervención, o vicepresidente económico destacou a necesidade de facer fronte aos novos retos derivados da dixitalización. En concreto, apostou polo deseño de políticas de competencia eficaces que garantan o funcionamento dos mercados dixitais sen frear o seu desenvolvemento e expansión. Tamén por seguir cooperando a nivel europeo, estatal e autonómico para contar cun marco regulatorio común.

 

A Xunta ten en marcha importantes proxectos no eido da dixitalización como a Estratexia Galicia Dixital coa que se pretende mobilizar un investimento de 2450 millóns de euros ata 2030; ademais doutras iniciativas coas que se busca acceder aos fondos Next Generation como o Polo de Tecnoloxías Cuánticas, a Cidade das TIC ou o Nodo GalicIA.

Imaxes relacionadas