A Xunta organiza en Boqueixón un curso de formación complementaria á análise sensorial dos queixos galegos denominación de orixe protexida

O curso terá lugar os días 19 e 21 de setembro no Centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude

 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2022 A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar no Centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude, en Boqueixón, unha acción de formación complementaria á análise sensorial dos queixos galegos distinguidos con denominación de orixe protexida. O obradoiro impartirase os días 19 e 21 de setembro cun horario desde as 16:00 ata as 21:00 horas.

Esta iniciativa está dirixida ao alumnado que xa recibira o curso de iniciación, para afondar nos coñecementos e habilidades da análise sensorial dos queixos, remarcando a perspectiva dos distintos sabores e aromas.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende achegar neste caso coñecementos complementarios relativos á identificación e recoñecemento de sabores, aromas, gamas cromáticas e defectos olfativos. Así mesmo, os asistentes farán unha cata de queixos para poñer en práctica os coñecementos adquiridos.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 867 327, ou enviarse un correo a cursos.agacal.sergude@xunta.gal.