A Xunta avanza nas obras de ampliación do complexo hospitalario de Ourense coa liberación de espazos e a retirada da pasarela actual

Avánzase de xeito parello na reposición de servizos para compatibilizar a execución dos traballos co funcionamento do hospital


Xa está despexado o andar -1 do Hospital Materno e retirouse a pasarela que o comunicaba co edificio do Cristal, procedendo a demoler as antigas dependencias do 061 ou a zona de carga
 

Os traballos máis intensos están a centrarse nas catas e no recoñecemento de zapatas das cimentacións actuais para os reforzos estruturais que sexa preciso acometer


A Xunta destina 52,6 M€ a esta actuación que inclúe a construción dun novo edificio de hospitalización e a reforma do Hospital Materno, así como a mellora dos accesos


Estas actuacións permitirán dispoñer dunha área pediátrica con 38 camas; de neonatoloxía, con UCI; ou dotar o complexo de áreas de radioloxía, diálise, hospitalización obstétrica, con 56 camas, e hospitalización convencional, con 280 camas
 

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2022

A Xunta avanza nas obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, coa liberación de espazos e a retirada da pasarela entre o Hospital Cristal e o edificio Materno Infantil.

 

 

Ata o de agora, os traballos centráronse na liberación de espazos e na reposición de servizos necesarios para compatibilizar a execución das obras e o funcionamento do hospital.

 

Actualmente xa está despexado o andar -1 do Hospital Materno, restando só o traslado duns vestiarios que se prevé  realizar no mes de outubro. Nos espazos dispoñibles están a executarse as demolicións sectorizadas de tabiquerías e o corte e desvío de instalacións do hospital.

 

Tamén se retirou a pasarela que comunicaba o Hospital Materno co edificio do Cristal, procedendo a demoler os espazos existentes baixo a mesma, como as antigas dependencias do 061 ou a zona de carga. A previsión é poder instalar a grúa torre no mes de outubro, que se situará nas dependencias liberadas polo 061.

 

Os traballos máis intensos están a centrarse na apertura de catas e recoñecemento de zapatas das cimentacións actuais para os reforzos estruturais que sexa necesario acometer. Tamén se continúa tomando datos da estrutura do Hospital Materno nas plantas actualmente despexadas.

 


Ampliación e reforma

O Goberno galego destina un investimento de preto de 52,6 millóns de euros a esta actuación estratéxica para a provincia de Ourense, que ademais xerará case 1.000 empregos.

 

O obxectivo desta actuación é a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense mediante a construción dun novo edificio de hospitalización e a reforma do actual Hospital Materno Infantil, ao tempo que se melloran os accesos.

O novo edificio de hospitalización terá 12 plantas e disporase entre o oeste do antigo edificio Materno Infantil e o Hospital Cristal.

 

No Hospital Materno Infantil levarase a cabo unha reforma integral, para a súa posta en valor e mellora da funcionalidade, conservándose só a súa estrutura.

 

Estas actuacións permitirán poñer á disposición unha área pediátrica con 38 camas; área de neonatoloxía, con UCI pediátrica; e zona de urxencias pediátricas e de urxencias obstétricas, entre outras. Ademais, tamén se dotará o complexo de área de radioloxía, de diálise, hospitalización obstétrica, con 56 camas, e hospitalización convencional, con 280 camas.

Imaxes relacionadas