A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o vicepresidente da Deputación, César Fernández, supervisou hoxe o inicio desta actuación

Ethel Vázquez avanza que a comezos da primavera os veciños da Arnoia desfrutarán dunha estrada OU-402 mellorada tras un investimento da Xunta de 810.000 €

A intervención, presentada aos veciños no mes de marzo, ten como obxectivo renovar e mellorar un treito de 1,6 km da vía, incrementando a súa funcionalidade
 

Ampliarase a estrada ata os 7 metros de ancho e rectificaranse as curvas con radio reducido para mellorar a seguridade viaria e a visibilidade
 

Tamén se habilitará unha senda peonil ao longo de máis de 1 km, executarase cuneta transitable ao longo de medio quilómetro e mellorarase a senda actual entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia, favorecendo a mobilidade a pé dos veciños
 

Intervirase na intersección coa estrada provincial para habilitar un carril central de espera e un cambio de sentido co fin de reforzar a visibilidade e a seguridade nos xiros
 

A Xunta aposta pola mellora das infraestruturas viarias do rural e do interior de Galicia para garantir máis servizos e máis oportunidades aos veciños dos concellos máis pequenos

A Arnoia (Ourense),  14 de setembro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vazquez, avanzou hoxe que a comezos da vindeira primavera os veciños da Arnoia desfrutarán dunha estrada OU-402 mellorada tras un investimento da Xunta de 810.000 euros.

 

Vázquez Mourelle, xunto co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o vicepresidente da Deputación, César Fernández, supervisou hoxe  o inicio desta actuación que mellorará a mobilidade dos veciños, facilitándolles desprazamentos máis cómodos e seguros.

 

Esta intervención, que xa foi presentada aos veciños no mes de marzo, ten como obxectivo renovar e mellorar un treito de 1,6 km desta estrada OU-402, incrementando a súa funcionalidade.

 

Para isto, ampliarase a estrada ata os 7 metros de ancho e rectificaranse as curvas con radio reducido, mellorando a seguridade viaria e a visibilidade.

 

Tamén se habilitará unha senda peonil ao longo de algo máis de 1 km, pola beira esquerda da estrada, de 2 metros de ancho, que se verá complementada coa execución dunha cuneta transitable ao longo de medio quilómetro. O proxecto inclúe a actuación na senda actual entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia e arredores, para renovala e mellorala, favorecendo a mobilidade a pé dos veciños. 

 

Ademais intervirase na intersección coa estrada provincial, no quilómetro 30+700, para habilitar un carril central de espera e un cambio de sentido co fin de mellorar a visibilidade e garantir unha maior seguridade nos xiros.

 

Considerando que os traballos abranguen a entrada ao núcleo urbano da Arnoia, a Xunta adecuará o trazado da vía á normativa vixente, incidindo sobre a mellora da visibilidade na circulación.

 

Os traballos completaranse con accións de reforzo do firme, de mellora da drenaxe transversal, sinalización e instalación de barreiras de seguridade.

 

Por outra parte, restarán nesta intervención traballos no pontón, que se inclúen nun proxecto independente. O obxectivo desta decisión é non comprometer e demorar a execución desta 1ª fase de mellora, xa que para actuar no pontón cómpre a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

 

A conselleira puxo en valor os investimentos nas infraestruturas viarias do rural e do interior de Galicia para garantir máis servizos e oportunidades aos veciños dos concellos máis pequenos, como neste caso da Arnoia.

Imaxes relacionadas