O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe estas instalacións

A Xunta incrementa as prazas públicas no centro de día de Fingoi de Lugo ata chegar ás 31

O Goberno galego destina 340.000 euros anuais a financiar estas prazas que sumaron tres novas durante este ano 2022

Lugo, 13 de setembro de 2022

A Xunta incrementou as prazas públicas no centro de día de Fingoi, en Lugo, ata chegar a un total de 31. O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións deste centro de Cogami que neste ano 2022 sumou tres novas prazas financiadas.

O Goberno galego destina anualmente 340.000 euros a financiar estas prazas de atención. O director xeral sinalou que a Xunta segue a confiar en entidades sociais coma Cogami a atención a persoas con discapacidade. Neste sentido, apuntou que son elas as que mellor coñecen as súas necesidades e saben ofrecer servizos á súa medida.

González Abeijón lembrou que a Xunta segue apoiando ao tecido asociativo galego a través de distintas ordes de axudas. Exemplo diso é a orde de axudas destinada a entidades sociais para a construción ou rehabilitación de centros de atención a maiores ou persoas con discapacidade. Esta novidosa convocatoria xa foi publicada no Diario Oficial de Galicia e está dotada de 13 millóns de euros.

Imaxes relacionadas