A Xunta pon en valor iniciativas como a marca Costa da Morte-Terra Atlántica de cara a dinamizar o territorio e xerar riqueza no rural

Inés Santé destacou o traballo detrás desta marca de territorio rexistrada en 2018 para dar a coñecer tanto esa área coruñesa como os bens e servizos que se produ-cen e ofertan nela

Aproveitou para enxalzar o labor dos 24 GDR da comunidade como núcleos de inte-gración e representación dos diferentes axentes interesados en promover o desen-volvemento dos seus respectivos territorios de actuación
 

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2022

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, puxo en valor a marca Costa da Morte-Terra Atlántica polo seu potencial dinamizador do territorio e de xeración de riqueza no rural. Foi no encontro que mantivo con representantes do grupo de desenvolvemento rural (GDR) Costa da Morte, promotor desta marca de territorio rexistrada en 2018 para dar a coñecer tanto esta área coruñesa como os bens e servizos que se producen e ofertan nela.

 

Desde o GDR destacaron que xa están incorporadas á iniciativa un total de 46 empresas dos 17 municipios implicados, unha adhesión que celebrou a directora xeral de cara a asegurar a posta en valor da zona. Nesa liña, segundo lle explicaron, estase a abordar unha estratexia comunicativa e con diversas xuntanzas e actividades que busca dar a coñecer a marca, ao tempo que se aposta pola formación para aumentar as posibilidades de éxito.

 

Na xuntanza, a directora xeral aproveitou para enxalzar o labor dos 24 grupos de desenvolvemento rural da comunidade como núcleos de integración e representación dos diferentes axentes territoriais, institucionais, sociais e económicos interesados en promover o desenvolvemento dos seus respectivos territorios de actuación. Nese senso, gabou iniciativas coma esta marca de territorio, que aposta polos produtos e servizos de proximidade, pola divulgación e comunicación do territorio e polo fomento do rural.

 

Cómpre engadir que á reunión con Inés Santé acudiron, en concreto, Manuel Muíño, presidente do GDR Costa da Morte e alcalde de Zas; Francisco Javier González, vicepresidente do GDR e presidente da Asociación de empresarios de Mazaricos (Amepa) e José Manuel López, secretario do GDR e alcalde da Laracha.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural