A Xunta impulsa en Lugo o ciclo Luz ó deporte, en colaboración coa fundación Breogán e Abanca

O ex xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta abrirá as xornadas o 19 de setembro con senllas charlas sobre o bullying para escolares de secundaria e para as familias, docentes e adestradores
 

Sara Álvarez, Tito Margaride e os irmáns Erik e Sergi Quintela tamén exporán as súas experiencias relativas á superación e aos valores deportivos aprendidos
 

Lugo, 13 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia impulsa en Lugo o ciclo de charlas Luz ó deporte, que desenvolve en colaboración coa Fundación Breogán e Abanca no marco da programación do Xacobeo 21-22.

 

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu esta mañá a presentación da iniciativa, que pretende sacar á luz a cara menos coñecida do deporte de elite contada polos seus protagonistas. No acto participaron o delegado, Javier Arias; o director da Fundación Breogán, Salva Arco; a directora territorial de Abanca en Lugo, Zaira Dapena, e os deportistas Erik e Sergi Quintela, Sara Álvarez e Tito Margaride, entre outros.

 

Estes recoñecidos deportistas lucenses, xunto co ex xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, serán os protagonistas das charlas, que reunirán cada día a máis de 400 alumnos e alumnas dos institutos Muralla Romana, Anxel Fole, Sanxillao e Leiras Pulpeiro. As xornadas serán conducidas pola xornalista María Nieto e terán lugar no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta.

 

Iñaki Zubizarreta inaugurará o ciclo o 19 de setembro, cunha sesión dobre centrada no problema do acoso escolar; pola mañá dirixirase aos estudantes, ás 11.30 horas, pero ademais realizou outra convocatoria pola tarde –a partir das 19.00 horas- destinada única e exclusivamente a familias, titores, adestradores ou mestres.

 

Zubizarreta foi vítima de acoso escolar durante a súa infancia e actualmente colabora co programa da ACB “Actuamos contra o Bullying”, ademais de traballar activamente con rapaces e rapazas que sofren este problema.

 

O 17 de outubro, ás 12.00 horas, Tito Margaride exporá outro exemplo de superación; o atleta da Pontenova sufriu un ictus no mellor momento da súa carreira, o que non lle impediu seguir adestrando e esforzándose, e asistir ás Paraolimpiadas de Atlanta 96 e Sidney 2000, conseguindo, entre outras, unha medalla de bronce nos 1500 metros.

 

O 14 de novembro, tamén a partir das 12.00 horas, a cita será coa judoka Sara Álvarez, 14 veces campioa de España, desde a categoría infantil ata senior, triunfadora nun deporte individual e minoritario e tamén exemplo de loita contra as adversidades, xa que en varias ocasións tivo que recuperarse de graves lesións.

 

Pecharán o ciclo os irmáns Quintela o día 14 de decembro ás 12.15 horas. Ambos representan o soño de ser profetas na súa terra e converterse en símbolos do espírito breoganista. Detrás do seu éxito, hai toda unha vida de traballo e sacrificios que os avala para inculcar a cultura do esforzo aos rapaces e rapazas lucenses.

Imaxes relacionadas