A Xunta analiza hoxe coas comunidades de usuarios de auga do Concello de Oímbra as propostas de mellora dos seus sistemas de abastecemento

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está inmersa na elaboración dos primeiros plans municipais de abastecemento autónomo de Galicia, iniciativa á que se destina un investimento autonómico de 900.000€

Os municipios seleccionados pola Xunta nesta primeira experiencia piloto, xunto co de Oímbra, foron: Oia, Baleira, Mondariz, San Xoán de Río e Cerdedo-Cotobade


Os técnicos da Xunta manterán durante as vindeiras semanas reunións cos representantes das 181 traídas veciñais destes 6 concellos


Nas xuntanzas explícanse as medidas propostas para optimizar os sistemas, escóitanse as opinións dos veciños e acláranse as súas dúbidas


Dotarase a estes 6 municipios da información concreta sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á poboación e dun instrumento de planificación para a mellora deste servizo, de competencia municipal


Actualmente en Galicia máis de 580.000 persoas consumen auga a través de solucións autónomas
 

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, reuniuse esta mañá cos propietarios e representantes das traídas veciñais e das comunidades de usuarios de auga do concello de Oímbra, para analizar as propostas de mellora dos seus sistemas de abastecemento.

 

Este encontro enmárcase no traballo que está a desenvolver a administración hidráulica de Galicia de elaboración dos primeiros plans municipais de abastecemento autónomo de Galicia, unha iniciativa liderada pola Xunta que ten como obxectivo mellorar o coñecemento sobre os sistemas de abastecemento autónomo e promover as actuacións necesarias para garantir unha autoxestión sostible e segura.

 

Os municipios seleccionados pola Xunta nesta primeira experiencia piloto, xunto co de Oímbra, foron Oia, Baleira, Mondariz, San Xoán de Río e Cerdedo-Cotobade

 

Na reunión de hoxe en Oímbra, os representantes de Augas de Galicia trasladáronlle as propostas que foron estudadas para a mellora de cada unha das redes autónomas de subministración de auga potable, ao tempo que escoitaron e se tomaron en conta as achegas dos propietarios e representantes das traídas veciñais e destas comunidades de usuarios de augas.

 

Esta fase dos traballos continuará durante as vindeiras semanas coas reunións cos representantes das 181 traídas veciñais dos 6 concellos seleccionados na primeira convocatoria da Xunta para a elaboración de plans municipais de abastecemento autónomo, que suporán un investimento autonómico de 900.000 euros.

 

Estes encontros son fundamentais para dar a coñecer as propostas de solución a cada un dos representantes das traídas veciñais e, ao mesmo tempo, poder escoitar o seu punto de vista e incorporar as súas achegas, ademais de resolver as dúbidas.


O desenvolvemento destes plans municipais permitirá aos 6 Concellos implicados dispoñer da información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación e dun instrumento de planificación para a mellora deste servizo, de competencia municipal

 

Ademais, a Xunta elaborará un documento final do plan municipal de abastecemento autónomo de Galicia, que recollerá as pautas que deben rexer este tipo de traídas. O obxectivo final da Xunta é achegar aos usuarios deste tipo de sistemas de abastecemento as claves para unha autoxestión sostible, segura e resiliente, que poida ser exportado a outro tipo de sistemas de autoabastecemento de Galicia.

 

Fortalecemento do modelo autónomo de abastecemento rural

Actualmente en Galicia máis de 580.000 persoas, sobre unha poboación de 2,7 millóns, consumen auga a través de solucións autónomas. Iso significa que un 10% dos galegos abastécese a través de redes veciñais e un 13% autoabastécese mediante pozos ou mananciais privados.

 

A Xunta ten entre un dos seus obxectivos estratéxicos fortalecer a sustentabilidade das pequenas subministracións nas comunidades rurais dispersas que carecen de auga potable, como modelo alternativo á municipalización dos servizos en poboacións moi pequenas e dispersas, que se demostrou, en xeral, moito menos eficaz para estes lugares.

 

O departamento que preside Ethel Vázquez traballa en dúas liñas para o fortalecemento do modelo autónomo de abastecemento. Por unha banda, apoiando economicamente ás comunidades de usuarios por medio da nova liña de subvencións que se iniciou no ano 2020, para mellorar instalacións e procesos que repercutan nunha maior garantía sanitaria da auga abastecida en traídas veciñais. Doutra banda, con este programa que pretende implicar en maior medida aos concellos, como responsables últimos do abastecemento nos seus municipios, e ás propias comunidades de usuarios de augas, por medio da implantación de plans municipais de abastecemento autónomo.

Imaxes relacionadas