A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asistiu esta mañá de forma telemática á Conferencia sectorial de vivenda e solo

A Xunta solicita unha reunión técnica coas comunidades para valorar o deseño dos programas de vivenda e corrixir as dificultades detectadas

Ángeles Vázquez subliña o esforzo realizado polo IGVS para que os galegos teñan xa acceso a todas as liñas de incentivos á rehabilitación financiadas con fondos europeos e defende a necesidade de simplificar trámites e mellorar as convocatorias

Lembra que o obxectivo de Galicia é chegar a máis de 9.300 vivendas cos primeiros 67 M€ dos fondos da UE xa transferidos, pero advirte das trabas para lograr este obxectivo polos requisitos, contías e prazos pouco atractivos dalgúns dos programas

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia solicitou hoxe ao Goberno central que convoque canto antes unha reunión técnica cos directores xerais dos departamentos con competencias en materia de vivenda co fin de analizar e valorar posibles eivas ou erros no deseño dos programas de axudas financiados con fondos europeos en materia residencial.

Así o expuxo esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa intervención telemática na Conferencia sectorial de vivenda e solo convocada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) para realizar o segundo reparto de fondos para actuacións de rehabilitación en contornas residenciais e para a construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes.

Neste sentido e tras confirmarse que a Galicia, en función da súa poboación, lle corresponden nesta nova territorialización 110,4 millóns de euros para 2022 e 2023, a responsable autonómica aproveitou a súa intervención para poñer en valor o traballo realizado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) co fin de convocar o antes posible os programas correspondentes a esta anualidade e informar aos potenciais beneficiarios da súa existencia.

Tras subliñar que grazas a este esforzo os galegos e galegas teñen xa á súa disposición catro liñas de subvencións por máis de 50 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética das súas vivendas, Ángeles Vázquez defendeu, en todo caso, a necesidade de traballar xuntos para simplificar a tramitación e mellorar o deseño e enfoque das convocatorias, sobre todo daquelas que, na práctica, están resultando menos atractivas.

Na mesma liña, a conselleira lembrou que o obxectivo de Galicia é conceder axudas para intervir en máis de 9.300 vivendas cos 67 millóns de euros transferidos no marco do primeiro reparto de fondos da UE, acordado na Conferencia sectorial celebrada en xullo do ano pasado.

En todo caso, advertiu tamén das dificultades que afronta a Comunidade para lograr este obxectivo polos requisitos, contías insuficientes e prazos pouco atractivos dalgúns dos programas, aspectos que, lembrou, a Xunta xa advertira desde o primeiro momento e que se están a confirmar unha vez realizadas as primeiras convocatorias.

A modo de exemplo, Vázquez Mejuto referiuse ao programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas, convocado a comezos do pasado marzo e que ten como fin subvencionar con ata 3.000 euros pequenas obras de mellora ou rehabilitación, como pode ser o cambio de ventás.

Por todo o exposto, a conselleira pediulle aos representantes do Mitma que escoiten as reivindicacións das comunidades e tamén dos profesionais do sector, como Asafave (Asociación española de fabricantes de fachadas lixeiras e ventás), que, segundo explicou, lle teñen trasladado á Xunta as dificultades asociadas a estas convocatorias.

“Hai aspectos que se poden mellorar para asegurar o bo funcionamento destes programas e garantir que estas axudas cheguen ao maior número posible de beneficiarios”, asegurou a conselleira.

Imaxes relacionadas