A Xunta detecta tres casos máis de gripe aviaria en mascatos

Os casos positivos corresponden a individuos recollidos no Grove, Muros e Carballo, que logo foron trasladados aos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre
 

A detección realizouse no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta de Galicia
 

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2022

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección doutros tres casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) en aves silvestres, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Con estes son dez os casos detectados en Galicia, todos eles en mascatos.

 

Trátase de individuos desta especie (mascato, alcatraz común ou atlántico, Morus bassanus), recollidos na praia de Raeiros (O Grove, Pontevedra), na praia de Razo (Carballo, A Coruña) e no porto de Cabanas (Muros, A Coruña), no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta de Galicia. Os mascatos foron trasladados aos respectivos Centros de recuperación de fauna silvestre de Carballedo (Pontevedra), no primeiro caso, e de Oleiros (A Coruña), nos outros dous, onde se tomaron as mostras. Todas as aves foron sacrificadas.

 

O mascato é unha ave mariña que nidifica no Atlántico norte, formando colonias de varios miles de parellas, e do que moitos exemplares mozos migran cara ao sur e acadan augas subtropicais ou tropicais no oeste de África. Polo tanto, nestes momentos, estas aves están atravesando as costas da Península Ibérica no comezo do seu paso migratorio post-nupcial (para invernar) cara a Mauritania e o Golfo de Guinea. Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades veterinarias veñen notificando numerosos casos de IAAP nesta especie, posible orixe dos casos detectados agora en Galicia, relacionados coa migración anual destas aves cara o sur.

 

Aínda que os exemplares da especie afectada son de hábitos exclusivamente mariños e non se aproximan en condicións normais á costa, a Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, sexan comerciais ou particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres.

 

Aínda que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

 

Por último, cómpre sinalar que durante o presente ano 2022, un total de 11 das 17 comunidades autónomas do Estado notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres.