Miguel Corgos apela ao consenso dos grupos parlamentarios para aprobar un novo Plan Estratéxico que conta coa implicación da sociedade civil galega

O Conselleiro de Facenda e Administración Pública presentou o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 no Pleno do Parlamento

Precisou que o Plan conta con 5 eixes transversais: o reto demográfico, a Galicia verde e sostible, competitividade e crecemento, cohesión social e territorial, e gobernanza
 

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2022.-

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, amosou hoxe a máxima predisposición da Xunta para achegar posturas e enriquecer o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 co obxectivo de que a planificación estratéxica da Galicia dos vindeiros anos, que conta coa implicación da sociedade civil galega, sexa tamén froito do consenso parlamentario.

 

Durante a súa presentación no Parlamento galego, Miguel Corgos explicou que o escenario post pandemia está caracterizado pola maior inflación en catro décadas, agravada pola invasión de Rusia a Ucraína e a crise enerxética. Neste marco, sinalou que o PEG 2022-2030 vai contribuír, xunto cos recursos extraordinarios procedentes da Unión Europea, a afrontar esas dificultades.

 

Na súa intervención, o conselleiro lembrou que o Plan conta con 5 eixes transversais –o reto demográfico, Galicia verde e sostible, competitividade e crecemento, cohesión social e territorial e gobernanza e destacou que contará cun seguimento regular da súa execución co fin de comprobar se se están desenvolvendo as liñas de acción previstas e cumprindo os obxectivos.

 

O responsable da Facenda galega destacou ademais que este instrumento estratéxico fixa metas por riba de perturbacións conxunturais concretas e ten capacidade para adaptarse ás posibles circunstancias adversas que poidan producirse, o que permite que Galicia estea preparada para os desafíos que supoñen os efectos da pandemia; a aceleración do cambio climático e da dixitalización; e as consecuencias económicas e sociais das tensións xeoestratéxicas.

 

Renda, neutralidade climática e I+D+i

Entre as 10 grandes metas do documento para a presente década Miguel Cortos destacou a de acadar de aquí ao ano 2030 a práctica converxencia con España en termos de renda bruta dispoñible e superar o 90% do PIB per cápita da Unión Europea. Tamén sinalou que a Galicia de 2030 ten que avanzar de maneira decidida cara á neutralidade climática, e salientou o obxectivo de reducir as emisións de efecto invernadoiro ata o 55% respecto a 1990.

 

Outra meta indispensable pasa por favorecer unha Galicia cada vez máis dixital e máis innovadora. Sobre este punto, o conselleiro recordou que o Goberno galego está destinando cada vez máis recursos a esta materia, pois xa representan o 1,9% do orzamento, o dobre que no ano 2009.

 

Miguel Corgos tamén afirmou que co Plan Estratéxico 2022-2030, Galicia quere seguir na senda de sustentabilidade financeira, o que permitiría acadar no ano 2030 os obxectivos fixados na Lei Orgánica 2/2012 de Estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira sen realizar axustes. O compromiso da Xunta é reducir nunha década en máis de 6 puntos a ratio débeda/PIB e rebaixala na contorna do 13%.

Imaxes relacionadas