A Xunta adxudica por 1,3 M€ as obras de reposición do firme nas estradas PO-201 en Silleda e PO-960 en Vila de Cruces

A intervención comezará a finais de setembro cun prazo de execución de 6 meses
 

A mellora na estrada Silleda-Laro inclúe fresado, reposición do firme, modernización das marcas viarias e limpeza das marxes ao longo de preto de 8 quilómetros
 

No treito entre Vila de Cruces e Ponte Ledesma actuarase en case 17 quilómetros, coa substitución dos vellos sistemas de contención e da capa de rodaxe
 

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2022

A Xunta adxudicou por 1,3 millóns de euros as obras para executar a reposición integral do firme nas estradas PO-201 en Silleda e PO-960 en Vila de Cruces.

 

A intervención, adxudicada á empresa COVSA, comezará a finais de setembro e terá un prazo de execución de 6 meses.

 

No referido á mellora da estrada PO-201, que conecta Silleda e Laro, levaranse a cabo traballos de fresado, reposición do firme, modernización das marcas viarias e limpeza de marxes no treito correspondente entre os puntos quilométricos 0+000 e 7+840.

 

Pola súa banda, na estrada PO-960, entre Vila de Cruces e Ponte Ledesma, procederase ao cambio da capa de rodaxe, marcas viarias e sinalización, substitución dos vellos sistemas de contención e recrecido das cotas de rexistro entre os puntos quilométricos 16+910 e 32+710.

 

Debido á meteoroloxía, ao envellecemento dos materiais e ao grao de deterioro do firme de ambas as estradas -na PO-960 circulan 1.170 vehículos diarios e na PO-201, 1.099-, optouse por unha solución completa para a nova capa de rodaxe cunha fonda capa de saburra, rego de imprimación e de adherencia e mestura bituminosa.

 

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.