A Xunta destina 1 M€ á mellora das redes de distribución eléctrica do polígono industrial de Val do Dubra

Este Concello recibirá outros 357.000 euros para poñer en marcha un viveiro empresarial e para mellorar os accesos á súa parcela de equipamentos

Trenor lembrou que o municipio tamén obtivo unha axuda de 120.000 euros para a execución duna planta de tratamento de augas residuais que dará servicio ás empresas que se instalen neste espazo

Trenor apuntou que grazas ao traballo de todo o equipo do Concello de Val do Dubra, o seu novo polígono industrial conta xa cuns apoios de case 1,5 millóns de euros para iniciar a súa andadura

Val do Dubra (A Coruña), 12 de setembro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela, visitaron a zona  da antiga fábrica da Telleira, adquirida polo Concello para a construción do novo polígono industrial,  para anunciar un novo investimento dun millón de euros para a mellora das súas redes de distribución eléctrica. Concretamente levaranse a cabo traballos de reforzo, adecuación, adaptación e reforma da rede de distribucións existentes en servizo para incorporar as novas instalacións.

Trenor destacou o excelente traballo levado a cabo por este rexedor xa que a este investimento únese outra axuda de 240.000 euros para poñer en marcha un viveiro empresarial co obxectivo de favorecer novas actividades de carácter industrial, o nacemento de novas empresas e axudar aos empresarios nas súas primeiras etapas de actividade. Ademais, a través da orde de parques empresariais Val do Dubra contará tamén con outro apoio de 117.000 euros para mellorar os accesos á súa parcela de equipamentos.

 

O delegado da Xunta lembrou que este novo espazo empresarial ten reservada tamén outra axuda de 120.000 euros  para a execución duna planta de tratamento de augas residuais que dará servicio as empresas que se instalen neste espazo.

 

Trenor apuntou que “grazas ao traballo de todo o equipo do Concello de Val do Dubra, o seu novo polígono industrial conta xa cuns apoios de case 1,5 millóns de euros para iniciar a súa andadura”.

 

Con estas liñas de axudas, a Xunta aposta por fortalecer o tecido industrial afincado en Galicia, mellorando a súa competitividade; así como modernizar as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade. Pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para facilitar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.

Imaxes relacionadas