A Xunta acomete a primeira fase da nova rede de camiños secundarios da Concentración Parcelaria de Tremoedo cun investimento de 480.000 €

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, visitaron esta mañá as obras, que inclúen a execución de 42 pistas de nova apertura cunha previsión de remate neste mesmo ano
 

A Consellería do Medio Rural está a redactar o proxecto da segunda e derradeira fase dos accesos aos novos predios, que contempla un total de 23 camiños cun orzamento duns 350.000€ e unha previsión de inicialos o vindeiro 2023
 

O departamento autonómico tamén avanza na fase administrativa coa análise dos 86 recursos de alzada presentados, cuxa resolución permitirá, tan pronto como remate a rede de vías secundarias, a toma de posesión provisional das novas fincas
 

O Goberno galego xa investíu ata a data 3,1 M€ neste proceso de reestruturación de terras, que beneficia a 1.136 propietarios e reagrupará unha superficie de 419 hectáreas, empregada basicamente para vide, en 2.030 parcelas

Vilanova de Arousa, 12 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, comezou a acometer as obras da nova rede de camiños secundarios na Zona de Concentración Parcelaria (ZCP) de Tremoedo, no Concello de Vilanova de Arousa, cun investimento de 480.000 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde, Gonzalo Durán, visitaron esta mañá os traballos deste proxecto, correspondente cunha primeira fase que contempla a execución de 42 vías de nova apertura que permitirán o acceso axeitado aos novos predios resultantes definidos na proposta de reestruturación.

 

Esta actuación inclúe a realización de diversos camiños de entre 30 e 539 metros de lonxitude ata dar cobertura a unha distancia total de case sete quilómetros. Todos estes viais, que terán material seleccionado de canteira no firme, disporán dunha anchura media de tres metros agás o que serve de comunicación coa zona de Oubiña e co polígono cambadés de Sete Pías, que chegará ata os oito. A previsión apunta a que esta primeira fase quedará rematada neste mesmo ano.

 

Paralelamente, a Consellería do Medio Rural está a redactar o proxecto da segunda e derradeira fase desta rede secundaria de accesos, que contempla un total de 23 viais cunha lonxitude total de 4.400 metros e un orzamento estimado duns 350.000 euros. Esta nova actuación ten que someterse aos informes sectoriais e autorizacións preceptivas, polo que está previsto que se desenvolva a partires do vindeiro ano 2023.

 

O departamento autonómico tamén está a avanzar na fase administrativa desta concentración parcelaria de Vilanova de Arousa coa análise e resolución dos 86 recursos de alzada que se presentaron contra o acordo provisional. Estas alegacións xa foron informadas polo servizo provincial e trasladadas á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural para o seu ditame definitivo.

 

Tan pronto como se resolvan estes recursos de alzada e rematen todas as obras de execución da rede secundaria de camiños no que atinxe ás súas dúas fases e o correspondente amolloamento das fincas resultantes, procederase á toma de posesión provisional das mesmas.

 

O Goberno galego xa investíu ata a data 3,1 millóns de euros neste proceso de reestruturación de terras de Tremoedo, que beneficia a 1.136 propietarios e reagrupará unha superficie de 419 hectáreas, empregada basicamente para vide e o sector do viño, e 2.030 novas parcelas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural