O presidente da Xunta reuniuse con representantes da compañía para analizar o proxecto dunha nova planta en Monforte de Lemos (Lugo)

Rueda destaca o interese da multinacional Kern Pharma por asentarse en Galicia como unha demostración do potencial da Comunidade no sector farmacéutico

Avanza o pleno apoio da Xunta a este proxecto que prevé xerar 50 postos de traballo directos logo dun investimento inicial de 33 M€
 

Destaca a aposta do Goberno galego polo sector de biotecnoloxía cunha Estratexia de Consolidación que busca incrementar nun 50% as empresas deste eido ata 2025
 

O presidente autonómico alertou da “demora” do Goberno na xestión dos fondos europeos, claves para impulsar o sector farmacéutico

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o interese da multinacional Kern Pharma por asentarse en Galicia como unha demostración do potencial da Comunidade no sector farmacéutico. Nun encontro de traballo, responsables da firma do Grupo Indukern expuxeron o seu proxecto para instalar unha nova planta en Monforte de Lemos (Lugo) coa que triplicar a súa capacidade produtiva.

 

Rueda valorou positivamente a aposta por Galicia dun referente mundial na distribución de produtos químicos a través dunha iniciativa que, prevista para 2025, situarase no polígono de Reboredo, logo dun investimento inicial de 33 millóns de euros. Tras a xuntanza, o presidente comprometeu o pleno apoio da Xunta ao proxecto, que prevé xerar 50 postos de traballo directos e alcanzará unha produción de 50 millóns de unidades –ampoias e viais, entre outros— na súa primeira fase.

 

Entre os apoios do Executivo autonómico ao sector, o mandatario autonómico sinalou novas figuras como a iniciativa empresarial prioritaria ou o proxecto industrial estratéxico, que permiten ás empresas beneficiarse dunha redución á metade dos prazos de tramitación.

 

Nun prazo de tres anos, subliñou, a fábrica permitirá distribuír desde Monforte de Lemos ata toda a Unión Europea milleiros de produtos de farmacéuticos, o que axudará a consolidar e visibilizar a fortaleza do sector farmacéutico en Galicia, ademais de dinamizar a economía local. Nesta liña, Rueda apelou á colaboración de todas as Administracións implicadas para levar adiante o proxecto e agradeceu a toda a directiva da empresa, especialmente ao presidente e fundador do Grupo Indukern, José Luis Díaz-Varela, por escoller a súa terra natal para instalar esta planta.

 

O presidente da Xunta enmarcou os plans de Kern Pharma dentro do impulso de Galicia aos proxectos innovadores do sector farmacéutico, como proba a Estratexia de Consolidación do Sector Biotecnolóxico de Galicia 2021-2025, que prevé mobilizar 662 millóns de euros para incrementar un 50% as empresas do sector e a súa facturación, e crear medio milleiro de empregos. Ademais, a Comunidade é pioneira a nivel estatal na incubación e aceleración de proxectos para o descubrimento de novos fármacos, en colaboración coa Fundación Kaertor; conta co ampla traxectoria de empresas como Zendal ou Pharmamar e destaca pola actividade emprendedora neste sector, que en 2020 situou á Comunidade como a segunda de España na que se crearon máis firmas biotecnolóxicas.

Imaxes relacionadas