As Consellerías de Educación e Política Social unen forzas para dotar dun novo comedor ao Colexio CEIP Plurilingüe As Mercedes de Ourense

O departamento educativo da Xunta inviste preto de 48.000 euros na reforma dos espazos cedidos na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas


O comedor terá capacidade para 50 alumnos
 

Ourense, 12 de setembro de 2022 A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; visitaron esta mañá o novo comedor para o alumnado do colexio CEIP Plurilingüe As Mercedes situado na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas.

 

No transcurso do acto, os representantes da Xunta destacaron este novo espazo como o froito da colaboración entre dous departamentos en prol do benestar da comunidade educativa deste colexio ourensán.

 

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa salientou un investimento de preto de 48.000€ por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para reformar por completo e habilitar os espazos cedidos pola Consellería de Política Social e Xuventude na residencia. “Grazas a esta obra, un total de 50 alumnos van poder gozar do servizo de comedor neste novo espazo e de forma permanente. Ata o momento houbera unha colaboración previa de cesión do espazo, pero as circunstancias especiais xeradas pola covid obrigaron a suspendela”, indicou.

 

Pola súa banda a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destacou que este novo espazo habilitado na residencia favorece tanto ao alumnado do CEIP como á mocidade da residencia, dado que facilita os fluxos e a comodidade de ambos grupos. Así mesmo, destacou outras melloras que se están acometendo na residencia, posto que neste 2022 se habilitou un novo ximnasio e se levaron a cabo traballos de mantemento ao longo do verán.