O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria inaugurou de xeito oficial o curso 2022-2023 nos CFEA acudindo á apertura no Pedro Murias de Ribadeo

A Xunta anima á mocidade galega a formarse no sector primario para sumarse ás oportunidades que ofrecen eidos como o forestal ou o agroalimentario

José Luis Cabarcos apuntou que se ofertaron 299 prazas novas nos ciclos medios e superiores dos centros de formación e experimentación agraria -un 9,4% máis có curso anterior- e que as últimas vacantes se poden solicitar ata o 23 de setembro
 

No que se refire á formación continua a través da Axencia, engadiu que neste 2022 se prevén 429 accións e a potenciación dunha unha nova plataforma virtual para impartir cursos como os de benestar animal
 

Na súa intervención, destacou que o sector agroalimentario supón arredor do 7% do PIB galego e xera máis de 100.000 postos de traballo, o que dá mostras das posibilidades que presenta para os mozos e mozas da nosa comunidade

Ribadeo (Lugo), 12 de setembro de 2022

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acudiu hoxe á apertura do curso 2022-2023 no Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo, onde fixo fincapé nas posibilidades laborais e de emprendemento que ofrecen eidos como o forestal ou o da produción agroalimentaria de calidade. Así, no caso do sector agrolimentario, supón -segundo dixo- arredor do 7% do PIB galego e xera máis de 100.000 postos de traballo, o que dá mostras das oportunidades que presenta para os mozos e mozas da nosa comunidade.

 

Na súa intervención, o director puxo de relevo que a Xunta ofertou 299 prazas novas -un 9,4% máis que o curso anterior- nos ciclos medios e superiores existentes nos CFEA, dependentes da Consellería do Medio Rural. Engadiu que quedan as últimas vacantes dispoñibles, polo que animou a solicitalas no prazo que finaliza o vindeiro día 23 de setembro.

 

Así, José Luis Cabarcos fixo especial referencia a propostas formativas de futuro como a impartida no Pedro Murias. Trátase do grao medio de Aproveitamento e conservación do medio natural, de modalidade FP dual, onde os alumnos -dixo- poden aprender da man de empresas do sector e de xeito remunerado.

 

A formación regrada cubre o resto do territorio galego con máis ciclos nos CFEA de Guísamo, Sergude, Becerreá e Lourizán. O director lembrou que no CFEA de Monforte de Lemos non se imparten ciclos formativos senón que está especializado en formatos online a través da plataforma de teleformación da Consellería do Medio Rural con cursos habilitantes.

 

Nesa liña, José Luis Cabarcos aludiu á formación continua impulsada pola Consellería, sinalando que este ano se atopa en execución unha programación constituída por 429 iniciativas. Así, contémplase a realización de accións tanto esixibles como non esixibles, entendendo por formación esixible a que ten como obxectivo proporcionar os certificados, diplomas ou carnés habilitantes requiridos para poder exercer laboralmente unha profesión no sector agroforestal, para crear unha empresa agraria ou para acceder a algún tipo de axuda.

 

Entre estes cursos atópanse os de formación en materia de benestar animal para o persoal das explotacións gandeiras e para a obtención do certificado de competencia para condutores/as e coidadores/as en materia de benestar animal, cos que neste exercicio se está a potenciar a plataforma de teleformación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria mediante cursos semipresenciais.

 

Por último, o director tamén fixo referencia ás actividades de transferencia promovidas pola Consellería a través dos campos de ensaio e demostración que se desenvolven nos centros de formación e experimentación agraria, o que permite complementar dende un punto de vista práctico a formación impartida nestas instalacións.

Imaxes relacionadas