O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presenta a folla de ruta da formación docente neste curso 2022/23

A Xunta reforza o Plan de Formación do Profesorado para adiantarse ás novas tendencias internacionais en avaliación, novas metodoloxías e dixitalización

O titular de Educación salienta que esta folla de ruta dá resposta ao papel do profesorado como “puntal fundamental para facer do sistema educativo galego un exemplo de calidade e equidade”

Increméntanse tanto o número de actividades, un 4% máis, como de prazas, ata as 95.000, un 12% máis

O Goberno galego destina neste plan máis de 7M€ a formación docente, tres millóns máis ca no curso 2019/20

Entre as principais novidades tamén figura a formación específica para os docentes que se incorporan por primeira vez ao sistema educativo galego e para os profesores en prácticas

O 84% do profesorado galego certificou unha ou máis actividades formativas no pasado curso, ás que outorgaron unha puntuación moi alta, de 4,4 puntos sobre 5

 

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2022.-

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou hoxe o Plan de Formación do Profesorado para o curso 2022/23, unha folla de ruta que sae reforzada para adiantarse ás novas tendencias educativas internacionais e ao mundo dixital e dá resposta ao papel do profesorado como “un papel fundamental para facer do sistema educativo galego un exemplo de calidade e equidade”.

 

“Trátase dunha batería de accións –sinalou o conselleiro– que dan continuidade aos principais retos e programas educativos desenvolvidos pola Consellería e que atende tamén aos desafíos futuros e ás novas necesidades do sistema educativo, como son o desenvolvemento dos novos currículos, a aposta polo traballo competencial e as metodoloxías innovadoras ou a atención á diversidade e a inclusión”.

Un total de 6.000 actividades

As 6.200 actividades do plan conforman “unha oferta diversificada, tanto a nivel de temáticas como de modalidades, que se organiza ao redor de dous eixos, as competencias dixitais e a adaptación aos novos currículos e metodoloxías docentes”, sinalou o representante da Xunta de Galicia.

“Non en balde, as actividades dirixidas á mellora e acreditación das competencias dixitais constitúen o 41% das prazas do plan”, destacou o representantes da Xunta. No referido ao segundo eixo, que concentra preto do 60% das prazas, está destinado a  apoiar o desenvolvemento curricular, a didácticas innovadoras, inclusión ou linguas, con actividades centradas en proxectos como o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, os Polos Creativos, o Plan de Benestar Emocional ou o desenvolvemento da Estratexia de Lingua Estranxeiras.

 

Igualdade e actualización de competencias

“O plan inclúe, ademais, dúas importantes novidades”, salientou o conselleiro. “Por unha banda, a implantación de dous novos plans de formación específicos, un deles para os docentes que se incorporan por vez primeira ao sistema e outro a docentes en prácticas”.

 

O primeiro deles incluirá formación inicial sobre a estrutura, funcións e os programas que vén desenvolvendo a Consellería, así como formación básica nas ferramentas de traballo docente; mentres que o segundo contará con novos módulos de formación en galego, de formación en igualdade ou un itinerario formativo sobre innovación metodolóxica e dixitalización, entre outros materiais.

 

“A segunda novidade pasa pola actualización do modelo de competencias profesionais, de acordo coas novas tendencias internacionais”, destacou Román Rodríguez. Neste apartado incluirase o deseño de novas ferramentas web de autoavaliación dirixidas a centros e docentes e o impulso da certificación dos niveis competenciais adquiridos na formación.

 

Tres prazas por docente

O Plan de Formación do Profesorado do curso 2022/23 incrementa tanto a oferta, con 6.200 actividades, un 4% máis ca no anterior curso; como as prazas, un total de 95.000, un 12% máis. “É dicir, cada docente disporá dunha media de tres prazas de formación neste curso”, explicou o conselleiro.

 

Isto vai parello a un aumento no orzamento destinado pola Consellería de Educación a este plan, ata superar os 7M€ neste curso en formación do profesorado, un 12% máis ca o curso anterior e máis de 3 millóns máis que no curso 2019/20.

 

“Trátase dun esforzo orzamentario para poñer a disposición do persoal docente todos os recursos precisos para seguir facendo do sistema galego un exemplo de calidade e equidade, avanzando nos retos presentes e futuros, como son a dixitalización, a innovación educativa e as novas metodoloxías, e apostando por accións formativas que nos permitan reforzar valores como a inclusión, a convivencia ou o plurilingüismo”, incidiu Román Rodríguez.

 

Balance do curso 2021/22

Durante a presentación tamén se fixo balance do desenvolvemento do plan no curso 2021/22, ano académico no que tiveron lugar un total de 5.950 actividades formativas a través das distintas modalidades (formación en centros, grupos de traballo, estadías, seminarios...), un 2,5% máis ca o curso previo. O 77% da formación realizouse no propio centro.

 

En total realizáronse máis de 120.000 horas de formación, nas que participaron máis de 26.800 docentes. “É dicir, o 84% do profesorado galego certificou unha ou máis actividades formativas”, dixo o conselleiro.

 

En concreto, cada docente realizou unha media de 2,8 actividades e 68 horas de formación, ás que outorgaron una valoración moi alta, de 4,4 puntos sobre 5.

Imaxes relacionadas