O director da Axencia Galega da Industria Forestal visitou as instalacións desta carpintería

A Xunta pon a carpintería Casabío de Salvaterra de Miño como exemplo da dixitalización da industria forestal para a que se poden solicitar axudas por un importe de 2,5 M€

Jacobo Aboal lembrou que está aberto o prazo de solicitude destas achegas do Goberno galego para a dixitalización da industria forestal e o impulso do ecodeseño e da economía circular

Ao tempo, puxo en valor a aplicación por parte da empresa salvaterrense de ferramentas dixitais para a construción modular de casas de madeira ecolóxicas de alta calidade, así como a súa especialización na utilización de unións carpinteiras
 

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2022.-

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, vén de visitar as instalacións da carpintería Casabío, en Salvaterra de Miño, para coñecer un exemplo da aplicación de ferramentas dixitais á fabricación modular de vivendas de madeira de alta calidade e da aposta por solucións con produtos locais como as fachadas de madeira termotratada de piñeiro galego. Alí, aproveitou para lembrar que está aberto o prazo de solicitude de axudas para a dixitalización da industria forestal e o impulso do ecodeseño e da economía circular mediante unha convocatoria dotada cun orzamento de 2,5 millóns de euros.

 

Na visita, o director mantivo primeiramente un encontro coa oficina técnica da empresa. Deseguido, puido comprobar de primeira man como Casabío está a incorporar a dixitalización nos seus procesos dende a fase de deseño e cálculo ata o envío da orde de fabricación, vendo o exemplo práctico do mecanizado dunhas fiestras de castiñeiro e da estrutura dunha vivenda.

 

Co gallo da súa presenza nesta carpintería salvaterrense, Jacobo Aboal lembrou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 1 de setembro unha nova convocatoria de axudas ás actividades en materia de ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que utilicen a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal. Así, contémplase un apoio do 70% do custo dos investimentos para a implantación de sistemas de dixitalización de procesos concretos (por exemplo, interacción con administración pública ou proceso de fabricación), de xestión integral (ERP, CRM e similares), así como sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos (como sistemas de captura de datos, automatización, supervisión remota, sensórica e/ou mantemento preventivo ou o desenvolvemento ou adaptación de interfaces dixitais para as interaccións comerciais cos clientes ou provedores da industria forestal-madeira).

 

Cabe apuntar que a porcentaxe verase incrementada ata o 80% do gasto subvencionable cando a actuación obxecto de solicitude consuma un ou varios servizos web publicados pola Consellería do Medio Rural (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/servizos-web-forestais) ou para aqueles proxectos de trazabilidade nos que se graven as transaccións na plataforma blockchain da Xunta denominada FORTRA (https://fortra.xunta.gal).

 

Estas axudas están financiadas ao 100% no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Poderán presentarse solicitudes a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ata o 31 de outubro de 2022 ou ata o esgotamento dos fondos dispoñibles.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural