A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou o vehículo situado na praza da Constitución

O autobús promocional da campaña “Outono Gastronómico” desembarca esta xornada en Ferrol co sorteo dunha estadía de fin de semana nos establecementos rurais participantes

Martina Aneiros puxo en valor a campaña para difundir a oferta turística arredor do ámbito rural e favorecer a desestacionalización

A campaña, promovida por Turismo de Galicia, se levará a cabo esta edición do 16 de setembro ao 18 de decembro

Das 73 casas rurais participantes das catro provincias, dúas se atopan nas comarcas de Ferrol e Ortegal

Ferrol, 11 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao autobús promocional da 16ª edición da campaña “Outono Gastronómico” que a Xunta de Galicia porá en marcha este ano do 16 de setembro ao 18 de decembro.

 

Das 73 casas rurais galegas participantes, dúas se atopan nas comarcas de Ferrol e Ortegal. Trátase do Muíño das Cañotas, en Cariño, e da Casa do Morcego, en Valdoviño. Ámbalas dúas xa veteranas desta convocatoria na que ademais de estadías de fin de semana se ofrecerán dous menús diferentes deseñados especificamente para a campaña e que incluirán na súa composición produtos galegos con certificación de calidade.

 

Durante a visita ao vehículo, que estivo emprazado en horario de mañá na praza da Constitución, Martina Aneiros destacou a relevancia da campaña, tanto polo número de establecementos participantes como do “público que goza da difusión da nosa oferta turística arredor do ámbito rural e que axuda a desestacionalizar o turismo en Galicia”, remarcou.

 

A delegada territorial animou aos veciños da cidade a achegarse ao autobús que está a circular polas principais urbes galegas informando sobre a campaña. Os interesados poderán participar nunha ruleta virtual compartindo unha instantánea do vehículo nas redes sociais. Ademais sortearase unha “Fin de Semana Outono Gastronómico” entre os asistentes que tamén poderán levarse de agasallo un carballo, exemplo do compromiso da iniciativa co medio ambiente e a loita contra os incendios forestais.

 

O 16º Outono Gastronómico ten un sitio propio na web Turismo de Galicia (www.turismo.gal), no que se recolle toda a información da campaña.