A Xunta inicia o procedemento para adxudicar tres vivendas protexidas no Concello de Cerdedo-Cotobade

A Comisión provincial de vivenda de Pontevedra reuniuse esta semana e acordou dar os primeiros pasos para elixir aos novos beneficiarios dos inmobles, que quedaran vacantes

 

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2022.- A Xunta de Galicia acaba de iniciar o procedemento para seleccionar aos futuros adxudicatarios de tres vivendas de promoción pública (VPP) localizadas no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.

 

Así o acordou a Comisión provincial de vivenda de Pontevedra, durante a reunión mantida esta semana para impulsar a adxudicación daqueles inmobles propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) no municipio que quedaron libres recentemente e, por tanto, volven estar á súa disposición.

 

Concretamente, trátase dun inmoble de 2 dormitorios localizado na rúa das Longas e outros 2 no lugar de Cabanelas-Viascón, destinadas a unidades familiares ou de convivencia de entre 1 e 4 membros.

 

Para optar a estas vivendas, os beneficiarios terán que cumprir unha serie de requisitos: estar inscritos no Rexistro de demandantes de vivenda; cumprir cos límites de ingresos por unidade familiar; residir ou traballar no municipio no que están localizadas as VPP —agás no caso de emigrantes que desexen retornar—; e carecer de vivenda en propiedade.

 

Para a adxudicación, elaborarase unha listaxe con todas as persoas anotadas no Rexistro como demandantes de vivenda protexida en Cerdedo-Cotobade e a partir dela, farase un sorteo ante notario o próximo 6 de outubro. Deste procedemento sairá unha relación con 15 candidatos provisionais, seguindo a orde de selección que se derive do mesmo.

 

A inclusión dunha persoa na listaxe non determinará a súa condición de adxudicatario, en tanto non se acredite que cumpre cos criterios esixidos para acceder a estas VPP.

 

Ambas listaxes —a provisional e a definitiva— publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello de Cerdedo-Cotobade, no da área provincial pontevedresa do IGVS e na páxina web deste organismo. En todo caso, os solicitantes disporán de 10 días para presentar reclamacións ante a Comisión provincial de vivenda.

 

A listaxe definitiva deste proceso de selección, mentres manteña a súa vixencia, utilizarase tamén para futuras adxudicacións de vivendas protexidas que poidan quedar vacantes neste concello.