A Xunta apoia o desenvolvemento de proxectos e investigacións sobre o VIH e outras infeccións de transmisión sexual con preto dun millóns de euros

O Executivo galego mantén aberto ate o vindeiro 26 de setembro o prazo de solicitude da liña de subvención destinada a apoiar ás entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan proxectos de saúde vencellados a estas enfermidades

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) tamén premiará os catro mellores artigos científicos que, publicados no ano 2021, aborden a investigación das enfermidades de transmisión sexual

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta mañá en Vigo o Instituto de Investigacións Sanitaria Galicia Sur, na compaña de persoal investigador e dos representantes das entidades que traballan no desenvolvemento de proxectos e estudos sobre o VIH e outras infeccións de transmisión sexual, aos que a Xunta apoia con preto dun millón de euros.

 

Durante o percorrido, no que tamén estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; e pola directora do Instituto de Investigacións Galicia Sur, Eva Póveda; o responsable da carteira sanitaria lembrou que a Xunta de Galicia mantén o seu apoio ás entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan proxectos de saúde pública vencellados ao VIH e outras infeccións de transmisión sexual; así como ao persoal investigador que leva a cabo estudos científicos sobre estas enfermidades. Neste senso, apuntou que na actualidade están abertas senllas liñas de axuda que contan cun orzamento de preto dun millón de euros.

 

En relación á primeira das convocatorias, a Administración galega destina un total de 901.200 euros para que entidades sen ánimo de lucro desenvolvan, durante os vindeiros 4 anos, proxectos de saúde pública que incidan na protección e promoción da saúde, e na prevención de enfermidades en persoas especialmente vulnerables á infección do VIH, a Sida ou calquera outra enfermidade de transmisión sexual.

Así, entre as iniciativas que se poden acoller a esta liña de axudas, e cuxo prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro día 26 de setembro, atópanse actividades que incidan no o fomento do uso do preservativo nos colectivos vulnerables ás ITS, a promoción da realización de probas do VIH ás persoas con prácticas de risco, a execución de campañas de concienciación respectuosas e inclusivas de todas as ITS, ou o desenvolvemento de programas de prevención para cidadáns do contorno da prostitución e tamén para aqueles que conviven con persoas co VIH ou en casas de acollida.

 

Desde o ano 2009, a Xunta achegou a través destas subvencións máis de 2,6 millóns de euros a 30 entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia, un importe que ascenderá aos 3,5 millóns con esta nova convocatoria. Entre esas entidades, están as asociacións con sede en Vigo que participaron hoxe na visita: a Asociación Galega de Afectados polo VIH (AGAVIH) e Asociación FARAXA de axuda ás mulleres prostituidas e a Fundación Érguete-Integración.

 

Apoio á investigación das infeccións de transmisión sexual

Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), premiará un ano máis os catro mellores artigos científicos que, publicados no ano 2021, aborden ás infeccións de transmisión sexual.

 

Neste senso, e co ánimo de promover as investigacións sobre a VIH e outras ITS, dotará con senllos premios de 3.000 e 1.500 euros, aos dous mellores artigos científicos publicados o pasado ano. Ademais, tamén outorgará outros dous premios accésit, con certificado acreditativo, á terceira e á cuarta investigación mellor valorada. Estes premios serán entregados o vindeiro 1 de decembro, con motivo do Día Mundial da Loita Contra o Sida.

Imaxes relacionadas