Fernández-Tapias insta ao Concello de Vigo a aclarar se vai acollerse ao programa de gratuidade da Xunta para as escolas infantís

A delegada territorial en Vigo subliña que o Goberno galego garante o financiamento da educación infantil de 0 a 3 anos para todas as familias viguesas que acoden ás escolas municipais, como o fai no resto de Galicia
 

“O alcalde terá que explicar se solicitará a axuda da Xunta: se non o fai, perderá un importante financiamento autonómico; e se o fai, minte ao dicir que o Goberno galego non achegará cartos á gratuidade das escolas de Vigo”, anota
 

A Xunta vai financiar as máis de 3.400 prazas de educación infantil que hai na cidade de Vigo, aforrando miles de euros a todas as familias da cidade

Vigo, 9 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata a escola infantil de Bouzas, unha visita na que aproveitou para destacar a implantación en Galicia da gratuidade nesta etapa educativa.

 

Segundo informou, o Goberno galego garante o financiamento da educación infantil de 0 a 3 anos para as 3.400 prazas que hai na cidade de Vigo. Unha medida pioneira da que se benefician as familias sen ter que realizar ningún trámite. 

 

O obxectivo, tal e como indicou Fernández-Tapias é “fomentar a conciliación, facilitar que calquera neno poida acceder a este servizo —con independencia da situación económica da súa familia— e contribuír a aliviar as economías domésticas ao implicar un aforro medio de entre 1.500 e 2.000 € anuais para as familias”.

 

Durante a visita, a delegada territorial sinalou que o ano pasado Vigo foi un dos poucos Concellos de Galicia que non puido acollerse á gratuidade para os segundos fillos e sucesivos debido as súas débedas co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. De feito, sucesivas sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitaron todos os recursos presentados polo Concello de Vigo ao modelo de cofinanciamento deste servizo.

 

Agora que o Concello de Vigo está ao corrente nas súas obrigas económicas, engadiu, “o alcalde terá que explicar se solicitarán a axuda da Xunta: se o fan, perderán un importante financiamento autonómico; e se o fan, minte ao dicir que o Goberno galego non achegará fondos á gratuidade das escolas de Vigo”.

 

Así, incidiu que a Xunta “está en disposición de aplicar a gratuidade tamén nas escolas municipais viguesas como o fai no resto de Galicia se o Concello o solicita”. Asemade, ao fío desta aclaración, Fernández-Tapias desmentiu que o Concello de Vigo non reciba nin un euro da Xunta para as escolas de titularidade municipal e cifrou en 110.00 euros a contribución autonómica no 2021 para o seu mantemento.  

 

O Goberno galego vai investir máis de 50 millóns de euros por curso para aplicar a gratuidade xeneralizada nas escolas infantís —xa sexan públicas, privadas ou de iniciativa social— da comunidade galega. O obxectivo é fomentar a conciliación, facilitar que calquera neno poida acceder a este servizo —con independencia da situación económica da súa familia— e contribuír a aliviar as economías domésticas ao implicar un aforro medio de entre 1.500 e 2.000 € anuais para as familias.

Imaxes relacionadas