A Xunta convoca novas probas Celga para os niveis 2, 3 e 4 na segunda quincena de novembro

Trátase da segunda convocatoria que se efectúa en 2022 e que permite obter os certificados oficiais que acreditan os niveis de coñecemento da lingua galega

O prazo para presentar as solicitudes de inscrición, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, remata o día 30 deste mesmo mes

As datas concretas das probas publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia publica este venres no Diario Oficial de Galicia a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados oficiais que acreditan os niveis de coñecemento da lingua galega. Trátase da segunda convocatoria que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades efectúa en 2022 e nela prevese a realización das probas correspondentes aos niveis Celga máis solicitados: nivel 2, nivel 3 e nivel 4.

 

A realización destas probas prevese para a segunda quincena de novembro e, de ser o caso, tamén para a primeira de decembro, tanto en Santiago de Compostela como en Ponferrada. As datas concretas das probas publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e mais no Portal da Lingua Galega.

 

O prazo para presentar as solicitudes de inscrición, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, comeza o día 12 de setembro e remata o día 30 deste mesmo mes.

 

As solicitudes e mais o xustificante de pagamento da taxa poderán presentaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de modo presencial. A taxa é de 16,92€ por cada un dos niveis en que a persoa interesada solicite inscribirse, salvo que estea exenta por acreditar unha discapacidade igual ao superior ao 33 %.

 

Os certificados de lingua galega (Celga) poden obterse a través da superación destas probas que convoca periodicamente a Xunta ou ben a través da validación de estudos nos supostos recollidos na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.