O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantiveron unha xuntanza co alcalde deste municipio coruñés

A Xunta e o Concello de Outes colaborarán na posta en valor de terras neste municipio a través das ferramentas da Lei de recuperación

Na reunión, José González animou ao rexedor a localizar zonas para desenvolver posibles polígonos agroforestais e avaliouse a posibilidade de levar a cabo melloras nas infraestruturas rurais

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022

A Consellería do Medio Rural e o Concello de Outes colaborarán na posta en valor de terras neste municipio coruñés, impulsando as ferramentas que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para esta finalidade. Así, o conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde de Outes, Manuel González, acordaron estudar esta posibilidade durante o encontro mantido esta mañá en San Caetano, no que tamén participou de forma telemática a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

 

Nesta liña, o conselleiro animou ao rexedor a localizar no seu territorio municipal zonas para desenvolver posibles polígonos agroforestais ou aldeas modelo. O alcalde amosou a súa vontade de colaborar nesta materia e interesouse polas posibilidades que ofrece este tipo de ferramentas. Neste senso, José González trasladoulle que o obxectivo prioritario destas ferramentas é poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal. Ademais, á vez que se poñen en valor terras produtivas tamén se traballa na anticipación aos incendios forestais.

 

Outros asuntos tratados nesta xuntanza tiveron que ver coa mellora das infraestruturas rurais. Así, o conselleiro sinalou que se van estudar posibles actuacións de acondicionamento de viarios, co fin de mellorar a calidade de vida dos habitantes en xeral e dos agricultores e gandeiros que empregan habitualmente eses camiños.

 

Por último, o titular de Medio Rural comprometeuse a estudar a posibilidade de colaborar nun proxecto de recuperación de produtos agrarios tradicionais neste concello, en concreto a cebola de San Cosme, mediante as distintas liñas de axuda que ofrece a Axencia Galega da Calidade Alimentaria ou mesmo a través da medida Leader.

Imaxes relacionadas