O titular do Goberno galego asistiu á presentación da colección outono-inverno ‘Facendo Camiño’ de Florentino

Rueda destaca a importancia do sector téxtil en Galicia que actúa como un dos principais motores da economía e como embaixador da Comunidade

Resalta que o sector téxtil galego é un referente no deseño, na fabricación en na calidade dos produtos, contando con marcas líderes en todo o mundo

Destaca a combinación gañadora que supón a nova colección de Florentino ‘Facendo Camiño’ ao vincular o Xacobeo e a moda de calidade ‘Marca Galicia’

Agradece ao deseñador o compromiso coa comunidade a través da internacionalización do produto téxtil e o mantemento da meirande parte da súa industria en Galicia

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia do sector téxtil en Galicia que actúa como un dos principais motores da economía, así como tamén enxalzou a importancia das marcas galegas que funcionan como embaixadoras da Comunidade.

 

Exemplo disto é a nova colección outono-inverno ‘Facendo Camiño’ de Florentino que presentou hoxe en Santiago de Compostela, á que asistiu o presidente do Goberno Galego. Esta nova proposta, inspirada na Ruta Xacobea, recolle as raíces galegas a través das influencias do Camiño de Santiago como base principal dos seus deseños e como homenaxe a toda a comunidade galega. En nome da Xunta, o líder autonómico destacou a boa elección creativa deste traballo na que se vincula “algo tan galego como a como a moda de calidade, de ‘Marca Galicia’, con algo tan galego para o mundo como é o Xacobeo. Esa é unha combinación gañadora sempre”.

 

Na mesma liña, insistiu en que a moda galega conforma un gran escaparate para Galicia na que marcas como Florentino contribúen, a través da innovación e da creatividade, á internacionalización do produto téxtil galego e a levar os atributos propios a diferentes lugares do mundo.

 

Durante o acto Rueda destacou a importancia do bo traballo empresarial do deseñador galego dentro dun sector, cambiante e global, e dun sistema produtivo que xa é o que xera máis riqueza na comunidade. De feito, aglutina o 22% do total da facturación das empresas galegas e creando máis de 42.000 empregos.

 

Tradición e futuro

 

O presidente da Xunta agradeceu persoalmente ao deseñador a súa decisión de manter en Galicia a meirande parte da súa produción e destacou a importancia das empresas familiares como motor económico e fío condutor das tradicións e cultura da comunidade. “Temos que presumir. Coñécennos fóra por moitas cousas, pero unha delas é a moda que se fai con marcas como estas, que fan as cousas ben e teñen moitísimo futuro”, sinalou o presidente do Goberno galego.

 

Desta forma, o novo traballo de moda masculina de Florentino amosa case 20 anos de ‘camiño’, de traballo e de crecemento empresarial da marca así como do seu compromiso por Galicia.  Un xesto que o titular do Goberno autonómico agradeceu á firma por ser referente internacional á vez que mantén a Galicia e ás tradicións na esencia da súa nova liña.

Imaxes relacionadas