Fernández-Tapias denuncia “unha estratexia programada” polo alcalde de Vigo para “torpedear” o consorcio Casco Vello e intentar paralizar a rehabilitación do barrio histórico

A delegada territorial da Xunta en Vigo denuncia un novo boicot por parte dos concelleiros tras votar en contra do Programa de Actuacións, Investimentos e Financiamento do ente rehabilitador para o ano 2023

“Non quere ningunha actuación do Goberno galego na cidade e agora rexeita unha partida de 3 millóns de euros para poñer a disposición dos vigueses novas reformas para vivenda protexida”, sinala a representante autonómica

O pasado mes xe xuño xa se aprobou a licitación de arrendamento dos locais cun éxito total pese a oposición do Concello, que “o único que intenta é paralizar a rehabilitación e mellora do Casco Vello en busca de réditos electorais”

Vigo, 9 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio do Casco Vello, Marta Fernández-Tapias, denunciou este venres o novo intento do alcalde de “torpedear” as actuacións do ente rehabilitador dirixidas á mellora do barrio histórico e á posta a disposición dos vigueses de vivenda protexida.

A representante autonómica presidiu hoxe o comité do organismo no que se deu conta do Programa de Actuacións, Investimentos e Financiamento (PAIF) para o ano 2023. Durante a sesión, os tres representantes municipais votaron en contra do plan, que precisaba de unanimidade para investir 3 millóns de euros no Casco Vello.

“O alcalde ten unha estratexia programada para dinamitar e torpedear calquera actuación do Consorcio, simplemente polo feito de que é a Xunta a que xestiona o organismo e non lle pode sacar réditos partidistas”, sinalou Fernández-Tapias.

 

Durante a sesión extraordinaria do consello de administración quedou aprobada a conta xeral de 2021, pero na votación do PAIF 2023 os representantes do Concello bloquearon a partida económica. “Non quere ningunha actuación do Goberno galego na cidade e agora rexeita unha partida de 3 millóns de euros para poñer a disposición dos vigueses novas reformas para vivenda protexida”, apuntou a delegada.

 

Alugueiro de locais

O Consorcio Caco Vello está a piques de finalizar o proceso para o alugueiro de locais comerciais no barrio histórico. O pasado mes de xullo presentáronse un total de 92 propostas para os 20 locais con prezos que van desde o 70 aos 255 euros ao mes.

 

A licitación dos baixos publicouse o pasado 27 de xuño no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO). Os representantes do Concello de Vigo xa mantiveron en xullo a súa oposición frontal ao arrendamento dos locais e a súa dinamización cultural. “Xa dixemos anteriormente e reiteramos que non imos a ceder aos intentos de chantaxe e de clientelismo político por parte do Concello”, sinalou Fernández-Tapias.

 

A representante autonómica lembrou que o Consorcio Casco Vello de Vigo xa propuxo hai máis de dous anos, en febreiro de 2020, o alugueiro dun total de 17 locais para o proxecto “Crea Vigo” cun prezo de 24.816 euros ao ano (sen IVA) e que xa entón atopouse coa postura en contra do Goberno local.