O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe a empresa Néboda Farms

A Xunta colabora con pemes e micropemes galegas en 32 proxectos para impulsar a innovación no tecido empresarial desde a colaboración público-privada

Conde apunta que, co programa InnovaPeme, este ano a Administración autonómica apoia 32 proxectos de innovación no tecido empresarial galego cunha mobilización de 4,8M€ de investimento total
 

Néboda Farms, especializada no sector agrotech, desenvolveu grazas a estas axudas un innovador sistema de agricultura vertical que lle vai facer posible, entre outras cousas, triplicar o seu rendemento produtivo

Vigo, 9 de setembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe a startup viguesa Néboda Farms, onde puxo de relevo o traballo que está a facer a Xunta de Galicia para impulsar a innovación en pemes e micropemes galegas de sectores diversos desde a colaboración público-privada.

 

Conde apuntou que co programa InnovaPeme, este ano a Administración autonómica apoia 32 proxectos de innovación no tecido empresarial galego cunha mobilización de 4,8 M€ de investimento total. Ao respecto, informou de que a través das cinco convocatorias destas axudas desde 2017, a Xunta leva destinado 16M€ en apoios para 192 pemes en Galicia, das que, case a metade, o 48,4%, son microempresas, e Pontevedra a provincia con máis participantes.

 

Unha delas é Néboda Farms, que hoxe visitou o vicepresidente económico para coñecer o innovador sistema de agricultura vertical que desenvolveu co apoio destas axudas, que lle vai facer posible, entre outras cousas, triplicar o seu rendemento produtivo. Segundo dixo, esta startup especializada no sector agrotech fai unha forte aposta pola I+D+i pola transferencia de coñecemento á industria.

Imaxes relacionadas