Os directores da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias responderon hoxe a varias preguntas no Parlamento

A Xunta destaca que o mercado dixital “Experiencias de Calidade” permite promocionar e impulsar as vendas dos produtos galegos con selo diferenciado

José Luis Cabarcos destacou que esta nova canle de comercialización online facilita un achegamento entre o produtor e o consumidor, dando así a coñecer as particularidades e características diferenciadas destas producións de calidade

José Balseiros avanzou os pasos realizados ata o de agora na posta en marcha do observatorio da cadea alimentaria

Tamén explicou a situación actual das axudas para o sector cárnico galego, lembrando que os gandeiros teñen ata o vindeiro 15 de setembro para solicitar os máis de 17 millóns de euros en axudas directas e extraordinarias que sacou a Consellería do Medio Rural

Santiago de Compostela, 09 de setembro de 2022

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, destacou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento que o mercado dixital “Experiencias de Calidade” permite promocionar, difundir e impulsar as vendas dos produtos galegos con selo diferenciado. Desta forma, esta nova canle de comercialización online -impulsada pola Consellería do Medio Rural- facilita un achegamento entre o produtor e o consumidor, dando así a coñecer as particularidades e características diferenciadas destas producións de calidade.

 

Neste senso, José Luis Cabarcos explicou que están dispoñibles actualmente os produtos premiados nas últimas edicións das Catas de Galicia. Porén, salientou que durante o último trimestre deste ano espérase que se incorporen, de forma progresiva, novos produtores para así consolidar esta canle curta de distribución con gran variedade de produtos que contan cun selo de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida.

 

Así mesmo, Cabarcos indicou que o 100% dos produtores enquisados cre que esta plataforma será moi beneficiosa para impulsar as vendas. Nesta liña, salientou que este proxecto resulta de maior interese entre os produtores máis pequenos e os que carecen actualmente de tenda online. Porén, os grandes produtores manifestaron tamén o seu interese, xa que o mercado de “Experiencias de calidade” será unha plataforma multiproduto que se caracterice pola venda directa -sen intermediarios- entre o propio produtor e o consumidor.

 

Así, o director da Axencia explicou que os produtos seleccionados polo consumidor agrúpanse nun paquete único embalado especificamente como “Experiencias de Calidade” e envíase ao consumidor dende un almacén loxístico. Ese, incidiu, é o elemento diferenciador desta web, coa que se pretende consolidar a imaxe de Galicia como rexión produtora agroalimentaria diversa e de excelencia.

 

Observatorio da cadea alimentaria

Pola súa parte, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, respondeu unha pregunta sobre o estado actual do observatorio da cadea alimentaria, que funcionará como emisor de informes sobre a situación económica do sector primario galego.

 

Así, o director xeral sinalou que no pasado mes de abril, a Consellería do Medio Rural asinou un convenio de colaboración co Instituto Galego de Consumo e da Competencia, coa Consellería de Emprego e Igualdade e coa Consellería do Mar para desenvolver actuacións de recompilación, análise e difusión de información relativa á cadea alimentaria.

 

Desta forma, incidiu Balseiros, terase un mellor coñecemento dos principais subsectores alimentarios de Galicia, co fin de obter información obxectiva e transparente de toda a cadea alimentaria e contribuír así a incrementar a eficiencia entre as súas relacións.

 

Ademais, e de xeito complementario, o director xeral explicou que se abordou unha modificación do Decreto de estrutura da Consellería do Medio Rural para dar amparo específico ás atribucións sobre a cadea alimentaria. Neste senso, creouse a Subdireción Xeral da cadea e industrias agroalimentarias, que conta cun novo servizo -sen antecedentes previos- denominado Servizo de control da cadea alimentaria.

 

Este novo servizo ten entre as súas competencias mellorar o funcionamento e a vertebración da cadea agroalimentaria, buscar un equilibro e transparencia nas relacións comerciais, fortalecer o sector produtor e potenciar as actividades das organizacións interprofesionais agroalimentarias. Tamén busca acadar a garantía da unidade de mercado para a mellora da competitividade da propia cadea alimentaria e elaborar un observatorio de prezos e de custos de produción, para unha correcta coordinación e intercambio de información coa Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) e outras comunidades autónomas. A día de hoxe, incidiu Balseiros, estableceuse un grupo de coordinación entre os catro departamentos autonómicos para afondar sobre a recompilación de datos.  

 

Axudas sector cárnico

Preguntado sobre a difícil situación que está atravesando o sector cárnico galego, o director xeral de Gandaría lembrou que ata o 15 de setembro os gandeiros poden solicitar os máis de 17 millóns de euros de anticipo das axudas directas e extraordinarias da Consellería do Medio Rural -a través de préstamos con entidades financeiras-, co gallo de paliar a suba de custos de produción agravada tras a invasión rusa de Ucraína. Así, Balseiros indicou que os produtores poderán recibir estes cartos de xeito inmediato, grazas a unha operación de anticipo a un ano acordada coas entidades financeiras que se fará con custo cero para os beneficiarios.

 

Nesa liña, o director xeral lembrou os 200 millóns convocados en adiantos das axudas da PAC e a liña de financiamento de circulante para explotacións de gando bovino -dotada con 5 millóns, que pode alcanzar os 25 millóns en préstamos concedidos- que publicou este verán a Consellería.