A Xunta aproba o cambio de clasificación da variante de Aradas, en Santiago, para adaptala á actividade económica e urbanística da contorna

A nova catalogación como estrada convencional da vía que une o polígono do Tambre coas estradas provinciais a Santa Comba e Trazo, permite reducir a súa liña límite de edificación aos 15 metros, fronte aos 50 metros iniciais, sen mudar a configuración da vía

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se aproba o cambio de clasificación da variante de Aradas, en Santiago de Compostela.

 

O obxectivo desta modificación é equilibrar a necesaria defensa do dominio público viario cunha xestión máis acorde co desenvolvemento da actividade económica e urbanística na contorna da vía autonómica VG-1.8, que comunica o polígono industrial do Tambre coas estradas provinciais a Santa Comba e Trazo.

 

Deste xeito a Xunta favorece que, coa nova clasificación como estrada convencional e sen que signifique ningunha modificación na súa configuración física, se permita que a súa liña límite de edificación se reduza a 15 metros.

 
Antecedentes

A proposta de cambio de clasificación da variante de Aradas foi sometida ao trámite información pública o pasado mes de maio, e prolongouse durante un prazo de 30 días hábiles, sen que se recibise alegación algunha á súa modificación como estrada convencional.

 

Os documentos que se someteron a información pública definían a modificación de clasificación funcional da variante de Aradas, que no momento da súa construción clasificouse desde o punto de vista legal como vía de alta capacidade, xerando polo tanto unha liña límite de edificación de 50 metros.

 

O cambio de clasificación é coherente coa modificación da Lei de estradas, que tamén racionalizou a afección territorial das estradas, reducindo de forma significativa a afección en gran parte da rede autonómica e provincial, ao vincular a liña límite de edificación á clasificación funcional das vías. Así, mantivéronse os 15 metros na rede estruturante e complementaria, e reduciuse a 7 metros na rede local.

 

No seguinte enlace ao DOG pódese consultar a información: https://bit.ly/3TYIeNW