Javier Arias recibe aos peregrinos que integran a ruta dos dereitos humanos na súa parada en Lugo

O delegado territorial falou coas 25 persoas de varios países que realizan esta marcha, que pretende divulgar os 30 artigos da Declaración Universal coa colocación de placas noutros tantos lugares de Asturias e Galicia

Lugo, 9 de setembro de 2022

O delegado territorial, Javier Arias, recibiu hoxe na sede da Xunta en Lugo a primeira hora da mañá aos 25 integrantes da denominada Ruta dos Dereitos Humanos, una peregrinación a Santiago de Compostela polo Camiño Primitivo que realizan 25 persoas de nove países, co obxectivo de dar a coñecer e divulgar os 30 artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos en varias localidades de Asturias e Galicia. A recepción tamén contou coa asistencia do presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, Ángel Trabada.

 

O pasado día 1 saíron de Oviedo para percorrer as etapas da ruta primitiva ata a súa chegada a Santiago de Compostela, o vindeiro martes 13, coa colocación de placas conmemorativas en bronce dedicadas a cada un dos 30 dereitos humanos que integran a Declaración Universal noutros tantos lugares, contando para elo co patrocinio de asociacións, fundacións sen ánimo de lucro, concellos e outro tipo de institucións, co obxectivo de dar máis visibilidade a estes dereitos universais.

 

O delegado territorial interesouse pola viaxe dos integrantes desta marcha, que se repite cada ano desde 2015, e apuntou a “importancia de divulgar os dereitos humanos universais, que manteñen ademais tantas similitudes cos valores que definen ao Camiño de Santiago”.

Imaxes relacionadas