A Xunta adquire por 8,1 M€ oito equipos de radioloxía vascular e neurovascular para os hospitais do Sergas

A Xunta inviste 3.212.913 millóns de euros na compra e instalación de catro equipos de Radioloxía vascular intervencionista, que terán como destino os hospitais da Coruña, Vigo, Ourense e Ferrol

No que atinxe ao novo equipamento de Radioloxía Neurovascular intervencionista, os catro novos equipos, valorados 4.903.491 millóns de euros, instalaranse nos hospitais da Coruña, Santiago, Lugo e Ourense

A instalación deste equipamento levara aparellada senllas reformas no CHUO e no HULA, ás que a Xunta destinará unha partida de 3’6 millóns de euros

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia vén de completar o proceso de adquisición de catro equipos de Radioloxía vascular intervencionista, e outros catro equipos de Neurovascular intervencionista, por un importe de 8.116.404 euros.

O Executivo galego continúa coa súa aposta de modernizar e renovar o equipamento dos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde. Así, mediante este investimento achegará un total de 8 novos equipos de tecnoloxía punteira ao hospitais galegos, co ánimo de optimizar a calidade asistencial nestes centros.

Nomeadamente, a Xunta inviste 3.212.913 millóns de euros na compra e instalación de catro equipos de Radioloxía vascular intervencionista, que terán como destino os hospitais da Coruña, Vigo, Ourense e Ferrol. Neste senso, cómpre destacar que o Hospital Arquitecto Marcide, contará por primeira vez cunha tecnoloxía que ademais de mellorar a cobertura sanitaria a nivel técnico, tamén evitará que a poboación da área sanitaria de Ferrol teña que ser derivada a outros centros sanitarios, para realizar probas desta especialidade.

Os novos sistemas de radioloxía vascular permiten realizar unha ampla gama de procedementos, mellorando os seus tempos e resultados. A radioloxía vascular intervencionista cubre as técnicas diagnósticas e tratamentos minimamente invasivos guiados por imaxe. Coa axuda dunha guía dun diámetro de só 1-2 milímetros, introdúcense catéteres nos vasos sanguíneos ou outros condutos para guialos ata a localización da enfermidade e así poder tratala.

Pola súa banda, no que atinxe ao novo equipamento de Radioloxía Neurovascular intervencionista, a Xunta vén de adquirir catro novos equipos desta especialidade, por un valor de 4.903.491 millóns de euros, que se instalarán nos hospitais da Coruña, Santiago, Lugo e Ourense. Neste caso, os equipos representarán unha novidade para o HULA e o CHUO, uns centros sanitarios que, ademais, requirirán de senllas obras de reforma para a súa instalación, e para as que a Xunta destinará unha partida de 3’6 millóns de euros.

A Neurorradioloxía intervencionista (NRI) é unha área de dedicación especial recoñecida pola Sociedade Española de Neurorradioloxía, e que está orientada ao tratamento de enfermidades do sistema nervioso central, medula espinal, columna vertebral e rexión da cabeza e pescozo. É unha especialidade médica para o tratamento minimamente invasivo, guiado por raios X, de lesións na cabeza, pescozo e a medula. Consiste na realización de intervencións neurolóxicas sen necesidade de cirurxía aberta.

Achega autonómica ao Plan INVEAT

Os Orzamentos da Xunta do ano 2022 incorporan 61’3 millóns para renovar e ampliar o equipamento de diagnóstico por imaxe en toda Galicia. Esta suma é o resultado da proposta que presentou a Xunta ao Plan INVEAT, un instrumento creado polo Ministerio de Sanidade para canalizar os fondos Next Generation de cara á renovación e ampliación dos equipamentos de diagnóstico por imaxe no Sistema Nacional de Saúde. Galicia recibiu un 7,7% dos fondos a repartir neste Plan.

O Executivo galego adoptou a decisión de complementar estes fondos europeos, que distribúe Goberno central, con partidas pertencentes ao orzamento autonómico. Así, a Xunta mantén o seu compromiso de dotar aos centros sanitarios coa mellor tecnoloxía e equipamento posible, co ánimo de garantir á poboación o mellor calidade asistencial posible.

Imaxes relacionadas