O conselleiro de Cultura representa ao Goberno autonómico no Consejo Jacobeo

A Xunta solicita ao Goberno central que se comece a traballar no Xacobeo 2027 con anticipación e se active o programa de desgravacións fiscais desde o ano 2024

Román Rodríguez lamenta que non se ampliaran as desgravacións neste Xacobeo e salienta o papel desta medida para estimular as achegas privadas e captar recursos
 

Refírese ao balance positivo dos últimos dous anos, nos que a aposta decidida feita desde Galicia logrou reactivar sectores estratéxicos e favorecer as dinamización económica das zonas rurais

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia solicitou hoxe ao Goberno central axilidade na preparación do Xacobeo 2027 para o que considera necesario que se apliquen as desgravacións fiscais desde 2024.

 

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, representou hoxe ao Goberno autonómico no pleno do Consejo Jacobeo celebrado no Hostal dos Reis Católicos, onde lamentou que non se ampliaran as desgravacións neste Xacobeo 21-22 e salientou a importancia que esta medida tivo á hora de favorecer a colaboración empresarial. Por iso, de cara ao vindeiro Ano Santo, o Goberno autonómico considera fundamental iniciar este programa con antelación para estimular as achegas privadas e a captación de recursos.

 

Román Rodríguez referiuse ao balance positivo que deixa tras de si este dobre Xacobeo, unha posta da Xunta que conseguiu reactivar sectores estratéxicos e favorecer a dinamización económica das zonas rurais. “É necesario seguir reforzando a colaboración entre administracións para estender esa influencia positiva máis alá”, afirmou.

 

Medidas propostas

Neste sentido, durante o encontro trasladou algúns aspectos que a Xunta demanda para mellorar e reforzar “este gran proxecto común para Goberno e comunidades como é o Camiño de Santiago”. Entre elas, referiuse á necesidade de que todas as autonomías formen parte do Consejo Jacobeo, “un xesto que favorecería a colaboración e o establecemento de sinerxías entre os distintos territorios multiplicando así o potencial do Camiño de Santiago e os seus efectos beneficioso”.

 

Tamén solicitou colaboración institucional nos actos nos que a Xunta está a traballar na conmemoración o vindeiro ano do 30 aniversario do Xacobeo 93; e aludiu á importancia de mellorar de xeito conxunto a experiencia dos peregrinos atendendo a unha demanda recurrente como é a posibilidade de favorecer a apertura das igrexas con valor patrimonial que se atopan na Ruta Xacobea. Do mesmo xeito, salientou a necesidade de que o Goberno central incremente as achegas realizadas no marco do programa de Bens de Interese Cultural no Camiño: “Este tipo de actuacións xogan un papel esencial á hora de dinamizar económica e turisticamente as distintas localidades polas que transcorre”.

Imaxes relacionadas