Rueda anuncia o impulso dun novo programa de mobilización de vivendas con incentivos para os propietarios que aluguen os seus inmobles a prezos accesibles

Destacou que a Xunta vai ofrecer unha serie de garantías aos particulares para que superen “as reticencias” que poden ter para poñer “a súa vivenda baleira en aluguer”

Administradores de predios e axentes inmobiliarios colaborarán co IGVS na iniciativa, localizando vivendas que reúnan os requisitos para participar, incorporándoas a unha plataforma de xestión común e formalizando os contratos correspondentes

Os titulares das vivendas adheridas disporán de seguros gratuítos de impagamento e multirrisco do fogar, recibirán asistencia xurídica en caso necesario e poderán acceder a axudas públicas para acometer as reformas necesarias nos inmobles

Para poder beneficiarse do programa, os arrendatarios deberán estar inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia e acreditar uns ingresos anuais que se movan entre un mínimo de 8.106,28 euros e un máximo de 36.478,26 euros

O importe máximo que se pagará moverase entre os 400 € e os 600 € ao mes, segundo o concello, e os inquilinos poderán acceder ás axudas ao alugueiro que ofrece a Xunta
 

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego impulsará este ano un novo programa de mobilización de vivendas para o alugamento, Vivendas Vivas, co obxectivo de facilitarlle á cidadanía o acceso a un fogar a prezos accesibles dada a “alza das rendas de alugamento das vivendas e a escaseza de inmobles que están destinados para tal fin”. Desta forma, a Xunta agarda que, nunha primeira fase, “entre 250 e 300 inmobles” que actualmente non se atopan en uso pero que reúnen as condicións necesarias poidan incorporarse ao mercado de alugamento grazas a esta iniciativa.

Rueda, durante a reunión semanal do Executivo autonómico, explicou que a Xunta quere axudar a que “os propietarios superen as reticencias que aínda poden ter á hora de poñer a súa vivenda baleira en alugamento”. Así, a través da iniciativa, que será xestionada directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), o Goberno autonómico ofrecerá unha serie de garantías e incentivos aos propietarios para animalos a sumarse ao programa e apoiarase en profesionais do sector e no seu coñecemento do panorama inmobiliario para garantir o seu correcto funcionamento e a incorporación do maior número posible de inmobles de titularidade privada.

Neste sentido, o acordo aprobado hoxe polo Consello da Xunta establece que o novo programa se desenvolverá a través da colaboración cos axentes da propiedade inmobiliaria, cos administradores de predios e con aquelas persoas que se dediquen profesionalmente ao exercicio da actividade de mediación inmobiliaria durante, polo menos, os cinco anos anteriores.

Estes axentes colaboradores —cualificación que deberán solicitar con carácter previo para poder participar na iniciativa— serán os encargados de localizar e captar vivendas que reúnan os requisitos axeitados, publicalas despois na aplicación informática creada para o efecto pola Xunta e asinar os contratos de alugamento entre arrendador e arrendatario.

Os propietarios que decidan adherirse ao programa e poñer as súas vivendas dispoñibles á disposición da Xunta e dos seus colaboradores terán garantidos seguros gratuítos fronte a impagamentos e multirrisco do fogar —cuxo custo asumirá o IGVS—, así como asistencia xurídica en caso necesario durante un prazo máximo de cinco anos, contados desde a subscrición do contrato de arrendamento.

Así mesmo, segundo sinalou o presidente da Xunta, outra das vantaxes para os arrendadores das vivendas é que “os beneficiarios deste programa poderán acceder a unha vivenda a prezos controlados e accesibles, sen ter por iso que renunciar ás axudas ao alugueiro, pois son plenamente compatibles”. Desta forma, poderán acceder a axudas públicas a través do programa Rehaluga. Trátase dunha medida complementaria do IGVS, pendente aínda de convocatoria e pensada para axudar a poñer a punto inmobles que, tras un tempo desocupados, poden requirir certas reformas ou unha rehabilitación integral antes da súa incorporación ao mercado de alugamento.

En canto aos inquilinos, o programa está concibido para persoas que figuren inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia na modalidade de alugamento. Ademais, deberán destinar o inmoble durante todo o ano á súa vivenda habitual e acreditar que os ingresos da unidade de convivencia se moven entre 1 e 4,5 veces o IPREM —é dicir, un mínimo de 8.106,28 euros anuais e un máximo de 36.478,26 euros—.

Grazas ao programa, as persoas que cumpran estes requisitos conseguirán unha vivenda a prezos accesibles e, ademais, terán a posibilidade de beneficiarse dalgunha das subvencións ao alugueiro xestionadas pola Xunta: o bono de alugueiro social, as axudas directas ao alugueiro ou o novo bono alugueiro mocidade.

Así, o importe da renda mensual non poderá superar os 600 euros ao mes nas cidades da Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense; os 500 euros se a vivenda está en Ferrol, Lugo e nas principais vilas e concellos periurbanos; e os 400 euros no resto.

A incorporación de vivendas ao programa dependerá das propias entidades, empresas e profesionais do sector que progresivamente se vaian adherindo. Así, nas vindeiras semanas está previsto que se publique no DOG o acordo autorizado hoxe, de xeito que a partir do día seguinte se abrirá o prazo para que os axentes inmobiliarios e administradores de predios poidan solicitar a cualificación de axente colaborador.

Desde ese momento e grazas á aplicación informática que está ultimando nestes momentos a Amtega, poderanse empezar a incorporar ao sistema as primeiras vivendas co obxectivo de que a comezos do próximo ano o programa estea en pleno funcionamento e se subscriban os primeiros contratos de alugamento.

 

Unha medida do Pacto social pola vivenda

A creación dun programa de mobilización de vivendas para o alugamento foi unha das medidas incluídas no Pacto social pola vivenda 2021-2025, asinado en xaneiro de 2021 entre Xunta, a Fegamp e diversos axentes e colectivos profesionais do sector.

O obxectivo común é contribuír a mobilizar o maior número posible de inmobles sen uso para a súa incorporación ao mercado de alugamento a prezos accesibles, nun momento en que a oferta inmobiliaria non parece capaz de absorber toda a demanda existente e os prezos dos alugueiros van en aumento.


Imaxes relacionadas