A Xunta acomete e activa 17 actuacións en colexios e institutos públicos de Deza e Tabeirós-Montes para o curso 22/23 cun investimento de 6,1 M€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou das actuacións educativas realizadas e as que xa están en licitación para estas bisbarras nunha visita ao IES Pintor Colmeiro de Silleda, onde se renovaron as luminarias e se completou un novo patio cuberto
 

A Consellería de Educación tamén realizou obras este ano, especialmente no verán, nos CEIP Cabada Vázquez, Figueroa e Xoaquín Loriga e nos institutos García Barros, Número 1, Chano Piñeiro, Ramón Aller e Losada Diéguez, ademais do silledense
 

A Xunta está inmersa nos procesos de licitación da ampliación do Losada Diéguez, a central de biomasa do Xesús Golmar e o Ramón Aller, as melloras sectoriais dos colexios das Dores e de Soutelo e outras obras no Pío Cabanillas, o IES de Cotobade e o Ramón de Valenzuela
 

“Conseguimos que os centros estean en boas condicións para o curso que arranca hoxe e por iso impulsamos dende proxectos estruturais ata pequenas obras para que sexan espazos confortables e eficientes, pero non nos detemos no realizado e xa imos contratar outras sete actuacións na Estrada, Lalín, Silleda, Rodeiro, Forcarei e Dozón antes de finais de ano”, sinalou

Silleda (Pontevedra), 8 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, acometeu –entre a parte final do pasado curso e este verán– e vén de activar un total de 17 actuacións en colexios e institutos públicos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes de cara ao curso académico 2022/2023 cun investimento global de 6,1 millóns de euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta relación de obras educativas para as comarcas xunto ao xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes municipais, directivos e docentes de Silleda nunha visita ao IES Pintor Colmeiro, onde se procedeu á renovación de todas as luminarias e á cubrición dun espazo de lecer exterior.

 

Neste instituto, que recibíu diversas melloras por parte do Goberno galego en anos anteriores por máis de 200.000 euros, cambiáronse as antigas luminarias por outras máis eficientes de tecnoloxía Led para gañar en aforro enerxético e luminosidade e acometeuse a segunda e derradeira fase da construción dunha zona cuberta no patio. En total, o investimento para estas dúas actuacións, acometidas neste verán, cifrouse en 132.000 euros.

 

“Conseguimos que os centros educativos públicos destas bisbarras e de toda Galicia estean en boas condicións para o curso que comeza hoxe e por iso, dende a Xunta, impulsamos numerosas obras atendendo ás necesidades de cada colexio e instituto e que van dende ambiciosos proxectos estruturais ata pequenas actuacións que, en todo caso, buscan o mesmo obxectivo de que os centros sexan espazos confortables, eficientes, ventilados e multifuncionais atendendo aos criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”, explicou o representante autonómico, que deixou claro que “na Xunta non nos detemos nin nos conformamos co realizado e xa imos contratar outras sete actuacións na Estrada, Lalín, Silleda, Forcarei, Rodeiro e Dozón antes de que remate o ano”.

 

En concreto, a Consellería de Educación xa acometeu e rematou, ademais das dúas obras no IES Pintor Colmeiro, a rehabilitación integral do CEIP de Figueroa (A Estrada), o cambio de fiestras no CEIP Cabada Vázquez (A Estrada), a renovación do sistema eléctrico do CEIP Xoaquín Loriga de Prado (Lalín), o cambio de luminarias nos IES Manuel García Barros e Número 1 (A Estrada), Chano Piñeiro (Forcarei) e Ramón Aller (Lalín), onde tamén se instalaron paneis fotovoltaicos, e a dotación dun módulo e doutras pequenas obras no IES Losada Diéguez (A Estrada).

 

Ademais, xa están en fase de licitación as melloras sectoriais dos colexios Nosa Señora das Dores e de Soutelo de Montes, ambos no Concello de Forcarei, por 790.000 euros e a renovación da iluminación no IES de Cotobade. Paralelamente, xa se están a rematar os pregos, para iniciar en breve a fase de contratación, da ampliación do IES Losada Diéguez da Estrada, e están en distintas fases a instalación dunha central de biomasa para o Xesús Golmar e o Ramón Aller de Lalín que tamén dará servizo ao auditorio e a escola infantil, da substitución de carpintarías do CEIP Pío Cabanillas de Dozón e de diversas melloras de envergadura no CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira (Silleda) e do colexio público de Rodeiro.

Imaxes relacionadas