Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 aposta polo talento das bandas emerxentes co ciclo ‘Novas músicas en galego’

A iniciativa, promovida pola Xunta de Galicia, busca poñer en valor o talento das novas xeracións de músicos galegos


Este festival acollerá actuacións de 18 grupos emerxentes os días 24 e 25 no Monte do Gozo, así como unha macro actuación organizada por A Casa do Rock, o 25, con máis de 500 músicos

Santiago de Compostela, 8 de setembro 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no Pazo de San Roque na presentación da proposta musical Novas Músicas en Galego, promovida pola Xunta de Galicia, queterá o seu espazo no festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22no Monte do Gozo.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, fixo fincapé “na necesidade de apoiar aos artistas emerxentes da música de actualidade en lingua galega no marco das actuacións do Xacobeo 21-22, no que o galego ten que ser un sinal de identidade, sendo un dos obxectivos da Xunta impulsar e animar este tipo de actuacións”.

O escenario de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 acollerá, entre o sábado 24 e o domingo 25 de setembro, a actuación de 18 bandas emerxentes procedentes das escolas Rock School de A Coruña e A Casa do Rock de Santiago de Compostela. Cada día participarán un total de 9 bandas, integradas todas elas por mozos e mozas de entre 18 e 25 anos, que subirán ao escenario do Monte do Gozo para achegar ao público as súas propostas en quendas de 25 minutos.

Xa o domingo terá lugar tamén unha macro actuación organizada por A Casa do Rock, que reunirá a máis de 500 músicos para tocar en vivo dúas pezas: Terra, de Tanxugueiras (as tres integrantes do grupo foron alumnas da escola) e Forza pra un mundo libre, a versión en galego creada polo centro compostelá do mítico tema de Neil Young Rocking In The Free World.

Xunto ao secretario xeral, no acto de hoxe tamén interviron Juio Asorey, integrante da organización de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22, e o director da escola de música A Casa do Rock, Adrián Hernández

 

Música electrónica e xornada benéfica

Máis aló destas actuacións, GoGoZo! Xacobeo 21-22 tamén terá outras dúas datas sinaladas este mes de setembro: un festival de DJs o venres 16, no que participarán catro recoñecidos picadiscos do panorama galego, e a xornada solidaria Día da Irmandade entre a cultura galega e ucraína, que buscará dar a coñecer a cultura do país a través dunha mostra de danza, música e postos de artesanía cuxa recadación irá destinada aos afectados pola guerra.