O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou no foro 'Vai de agro', coordinado pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga)

A Xunta aprobou no bienio 2021-2022 un total de 1.007 accións formativas en materia agropecuaria e forestal

José Luis Cabarcos trasladou ademais que de cara á nova PAC 2023-2029 está previsto destinar a este eido algo máis de tres millóns de euros
 

O representante da Consellería do Medio Rural puxo en valor a importancia do sector agrogandeiro e forestal de Galicia e o seu potencial en eidos como a innovación, a investigación, a competitividade ou o emprendemento
 

Sinalou que o que se perseguen son melloras na competitividade, incrementar o valor engadido das producións do agro, incidir no aproveitamento do territorio rural e consolidar o prestixio da produción galega de alimentos de calidade

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2022

No bienio 2021-2022 a Xunta aprobou un total de 1.007 accións formativas en materia agropecuaria e forestal, cun orzamento de 1,7 millóns de euros. De cara á nova PAC 2023-2029, está previsto destinar a este eido algo máis de tres millóns de euros.

 

Así o destacou esta mañá o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, durante a súa participación no foro Vai de agro, coinnovando no sector agroalimentario e forestal, coordinado pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), co relatorio Instrumentos e iniciativas públicas para impulsar o medio rural en Galicia.

 

Na súa intervención, José Luis Cabarcos puxo en valor a importancia do sector agrogandeiro e forestal de Galicia e o seu potencial en eidos como a innovación, a investigación, a competitividade ou o emprendemento. Neste sentido, lembrou que o sector agroalimentario galego xera máis de 100.000 postos de traballo e supón o 9,3% do emprego total na nosa comunidade. Salientou ademais que Galicia é a novena rexión europea en produción de leite e líder nacional neste ámbito, así como un referente en producións agroalimentarias de calidade como a carne ou o ecolóxico, ademais de amosar unha gran potencia no sector forestal, entre outros propios do rural.

 

O representante da Consellería do Medio Rural trasladou tamén as diferentes iniciativas da Xunta en materia de formación, transferencia de coñecementos e información no agro. Unhas medidas con obxectivos transversais vinculados coa innovación, o medio ambiente ou o cambio climático, segundo explicou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

 

Accións do Goberno galego

Entre as diferentes accións do Goberno galego, José Luis Cabarcos destacou a formación profesional e adquisición de competencias, as actividades de demostración e información, os intercambios relacionados coa xestión das explotacións agrícolas e silvícolas, os servizos de asesoramento, xestión e substitución, a formación de asesores e a cooperación. Neste último aspecto, incidiu na importancia dos grupos operativos, así como nas axudas para proxectos piloto e desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, que xestiona a Axencia e que no novo período da PAC mobilizarán arredor de oito millóns de euros de gasto público total na nosa comunidade.

 

Como conclusións de todo este traballo, José Luis Cabarcos sinalou que o que se perseguen son melloras na competitividade, incrementar o valor engadido das producións do agro, incidir no aproveitamento do territorio rural e consolidar o prestixio da produción galega de alimentos de calidade, nun contexto especialmente competitivo.

Imaxes relacionadas