A Xunta inicia as obras para dotar de acceso o futuro parque empresarial de Beariz desde a estrada OU-212, que suporán un investimento de 445.000 €

Conectarase a estrada autonómica co viario interior do futuro parque de Lebozán, dándolle maior operatividade á área industrial e reforzando a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio

Os traballos contan cun prazo de 4 meses e prevén o seu remate a comezos do 2023

Actúase ao longo de 250 metros pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permitirá todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ao polígono

Habilitaranse cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación e a saída da estrada, ademais dun carril central de espera para favorecer os xiros desde esta vía autonómica cara á área empresarial

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras para dotar de acceso o parque empresarial de Beariz desde a estrada OU-212, que suporán un investimento de 445.000 euros.

 

A intervención, que conta cun prazo de execución de 4 meses e prevé o seu remate a comezos do vindeiro ano 2023, ten como obxectivo que o futuro parque empresarial dispoña dun acceso cómodo e seguro desde esta vía autonómica, para reforzar a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio.

 

Esta actuación é o resultado dun estudo onde se analizaron seis alternativas, tendo en conta a xeometría da estrada, a funcionalidade e a seguridade viaria. A solución concreta está recollida no Plan Especial de Creación de Solo Industrial do Concello de Beariz, desenvolvéndoa segundo o previsto no informe de sustentabilidade ambiental dese plan.

 

Actuarase, concretamente, ao longo duns 250 metros na estrada OU-212 pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permitirá todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ata o polígono.

 

A obra comprende a habilitación de cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación á estrada e tamén a saída cara ao polígono en condicións de seguridade, ademais de carril central de espera para favorecer os xiros desde esta estrada cara á área empresarial, pensando en ofrecer maiores facilidades aos camións.

 

Na zona onde se executa a nova conexión o trazado está formado por unha recta duns 400 metros de lonxitude que, aproximadamente no seu punto medio, conta cunha estrutura de vigas prefabricadas que permite o paso sobre o regato existente.

 

A intervención incluirá a instalación de canalizacións de servizos baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación do parque empresarial, de forma que só sexa necesario a instalación de báculos e de cableado.

Imaxes relacionadas