Martina Aneiros anuncia medidas de aforro enerxético coa instalación de placas fotovoltaicas no CEE Terra de Ferrol

A delegada territorial visitou o centro no que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade leva a cabo obras por preto de 70.000 euros
 

Martina Aneiros destaca que a intervención contribúe a avanzar na transición enerxética apostando por novas enerxías máis eficientes, á vez que trata de paliar os efectos da suba de prezos enerxéticos e de combustibles

Ferrol, 8 de setembro de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, visitou esta mañá o CEE Terra de Ferrol, no que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade investirá preto de 70.000 euros en varias obras de mellora.

 

Por unha parte, estase a executar a reforma da instalación eléctrica de baixa tensión cun investimento de 48.200 euros, intervención que se sumará á dotación de instalacións solares fotovoltaicas coas que o Goberno galego pretende impulsar o aforro enerxético neste centro educativo. Neste caso as obras foron licitadas recentemente cun investimento próximo aos 20.000 euros.

 

Estas obras enmárcanse dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego que senta os piares para a construción e reforma dos centros educativos nos vindeiros anos con espazos máis sostibles e cunha maior calidade ambiental. De feito, do total de 191 M€ de orzamento do Plan, o 40,5% (77,5M€) están destinados a actuacións de sostibilidade e eficiencia enerxética.

 

Segundo indicou Martina Aneiros, con este tipo de acción o Executivo autonómico “contribúe a avanzar na transición enerxética apostando por novas enerxías máis eficientes, á vez que trata de paliar os efectos da suba de prezos enerxéticos e de combustibles, agravados polo conflito en Ucraína”.

Imaxes relacionadas