Fernández-Tapias cifra en 12M€ a inversión actual da Xunta de mellora nos centros educativos da área de Vigo

O curso 2022/23 deu comezo hoxe para os estudantes de todas as etapas educativas, coa incorporación de 61.536 alumnos de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato no caso da área viguesa

A delegada territorial da Xunta en Vigo achegouse ata o IES A Guía para acompañar ao alumnado deste centro no seu regreso ás aulas

Sinalou que das 47 obras en marcha nos concellos da área, 31 son de grande envergadura, 11 delas correspondentes á cidade de Vigo cun investimento de 4,3M€
 

Vigo, 8 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata o IES A Guía con motivo do inicio dun novo curso escolar para o alumnado de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato. O curso 2022/23 deu comezo hoxe para os estudantes de todas as etapas educativas de forma unificada, incorporándose ás aulas un total de 61.536 estudantes no caso da área de Vigo. No referido á FP, o terceiro período de matriculación rematou o pasado día 6, polo que os datos aínda non están dispoñibles.

Con tal motivo, a representante autonómica aproveitou para facer balance das obras de mellora nos centros educativos da área territorial que o Executivo galego ten en distintas fases; rematadas, en execución, en licitación ou para próxima licitación este ano. En conxunto 46 actuacións, das que 31 son de grande envergadura, e que en conxunto suman 12M€.

No que atinxe aos centros escolares da cidade de Vigo, Fernández-Tapias situou o investimento da Xunta en 4,3M€ con 11 obras en marcha de grande envergadura, entre as que citou a rehabilitación do IES San Tomé de Freixeiro (1,2M€), do Conservatorio Superior de Música de Vigo (1M€) e do CEIP Virxe do Rocío (224.000€). Tamén fixo referencia a ampliación do IES Alexandre Bóveda, a intervencións de mellora enerxética como no caso do CEE Saladino Cortizo, e ás melloras sectoriais de illamento, substitución de cubertas e fiestras ou renovación de luminarias. Ademais, acométense obras de pequena e mediana entidade noutros cinco centros da cidade da oliveira, por importe doutros 130.000€.

 

A delegada destacou así o importante esforzo inversor da Xunta en materia educativa na cidade e na súa área de influencia, avanzando na modernización dos centros cun novo modelo de escolas poscovid. Así, tras defender que a Xunta de Galicia cumpre coas súas obrigas en materia de mantemento das infraestruturas escolares, incidiu en que Vigo “é de lonxe a cidade galega co maior investimento autonómico dos últimos anos; máis de 27 millóns de euros”.

Neste sentido, recordou que o Goberno galego, ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica ten previsto un investimento de 12 millóns de euros para o IES de Navia, para o que xa ten contratado o anteproxecto que estará finalizado no mes de outubro. “É o único paso que podemos dar, xa que non podemos avanzar máis mentres que o Concello vigués non formalice o convenio para a cesión dos terreos, condición necesaria para a súa execución”, dixo. “A non sinatura do mesmo faría inviable a licitación do proxecto de construción e a conseguinte perda da dotación económica prevista nos Orzamentos da Xunta deste ano, o que poría en risco o proxecto”, advertiu.

Insistiu así en que “a partir de agora, para axilizar os trámites e proceder canto antes á licitación do proxecto, cómpre a colaboración por parte do Concello de Vigo, que debe adherirse á proposta de convenio que lle foi remitida hai meses -o pasado 28 de abril-”.

De acordo co plan funcional inicial, o novo instituto terá capacidade para arredor duns 700 alumnos e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 metros cadrados construídos sobre unha parcela de 12.576 metros cadrados totais 

Folla de ruta pioneira

Galicia conta desde 2021 cun Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica co fin de adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas, cun investimento de 191 M€ nesta lexislatura.

Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe.

Así mesmo, o Goberno galego está a renovar o mobiliario dos centros educativos para adaptalos as novas metodoloxías cun total 42.686 unidades e case 5M€; e cofinanciando xunto aos concellos 33 pistas multideporte por 2M€.

Imaxes relacionadas