A Xunta pechará este mes a estratexia galega para a eliminación da hepatite C

Este plan de acción utilizará cribados e métodos de busca activa para facilitar o diagnóstico de casos e aplicar o tratamento

Nos últimos seis anos, máis de 8.000 pacientes curaron desta enfermidade grazas os tratamentos proporcionados polo Sergas
 

Santiago de Compostela, 8 de setembrode 2022

A Xunta de Galicia presentará este mes a súa estratexia para a eliminación da hepatite C en Galicia. Así o anunciou hoxe en Comisión parlamentaria a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, quen avanzou que esta nova estratexia terá como obxectivo principal a redución da morbilidade e mortalidade asociada a esta enfermidade, así como a eliminación da hepatite C como problema de saúde pública na comunidade, todo en liña co establecido pola Organización Mundial da Saúde.

Durán adiantou durante a súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego que a Estratexia Galega para a Eliminación da hepatite C en Galicia traballará sobre 3 liñas de actuación: o reforzo da vixilancia epidemiolóxica, que permita cuantificar a magnitude actual do problema, a prevención primaria con programas e actuacións de promoción da saúde, para reducir a incidencia e o risco de exposición ao virus, e unha terceira liña de prevención secundaria para detectar e tratar máis precozmente as infeccións existentes.

Á vista dos resultados de diferentes estudos, a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade subliñou que a estratexia idónea para conseguir a eliminación da hepatite C como problema de saúde pública en Galicia, pasa polo cribado das persoas incluídas nos grupos con maior risco de transmisión, combinado co cribado dos grupos de idade de maior prevalencia deste virus. A estratexia contempla tamén a busca activa de pacientes para facilitar a diagnose e tratamento dos casos de infección non detectados, e de todos aqueles casos de hepatite C non tratados ou non curados, tal e como expuxo a directora xeral.

A Estratexia Galega para a eliminación da hepatite C en Galicia abordará así mesmo melloras no proceso asistencial, como a redución dos tempos entre a diagnose e o tratamento, a mellora das porcentaxes de pacientes diagnosticados que inician o tratamento e o cumpren, e o seguimento dos pacientes que están a tratamento para verificar a obtención da resposta viral sostida.

Galicia, a primeira en implantar o Plan Estratéxico para a Abordaxe da Hepatite C

Así mesmo, Carmen Durán lembrou na súa intervención o traballo desenvolto pola sanidade galega na prevención desta enfermidade, pois Galicia foi a primeira comunidade de España que implantou de maneira efectiva o Plan Estratéxico para a Abordaxe da Hepatite C no Sistema Nacional de Saúde, no ano 2015. Dende esa data e ata o ano 2021, tratáronse con fármacos antivirais de acción directa a un total de 8.495 pacientes, dos cales máis do 97% presentaron resposta viral sostida.

Galicia tamén avanzou nestes anos na diagnose desta enfermidade, poñendo en marcha no ano 2018 o diagnóstico nun só paso, que posibilitou a identificación e caracterización retrospectiva dos pacientes con infección activa polo virus, identificando a 258 pacientes con infección activa descoñecida.

Así todo, en Galicia están a desenvolverse intervencións en eventos de afluencia masiva de poboación xuvenil respecto á información sobre as drogas e a súa prevención; convocatorias periódicas de axudas a proxectos de prevención de drogodependencias e programas de intercambio gratuíto de xiringas. Tamén, desde as áreas sanitarias desenvolven iniciativas de captación, diagnóstico e tratamento de pacientes con hepatite C, que inclúen a busca activa de casos diagnosticados e non curados, ou programas de microeliminación en colectivos de risco.

A pesar dos indubidables avances, Galicia continúa na súa loita contra esta enfermidade coa nova Estratexia para a eliminación da hepatite C, que será presentada no mes en curso.