Trenor felicita ao Club del Mar San Amaro polos seus 87 anos de existencia e anima aos seus socios seguir avanzando para alcanzar o grao de centenario

O delegado da Xunta felicitou tamén aos socios que recibiron a insignia como recoñecemento aos seus cincuenta anos de fidelidade

A Coruña, 8 de setembro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta tarde no acto de celebración do 87 aniversario do “Club do Mar San Amaro” que tivo lugar no local social da entidade. O representante do Goberno galego subliñou que “87 anos despois, o “Club do Mar de San Amaro” é xa patrimonio de todos os coruñeses, orgullo do barrio e emblema do noso emblema, desa Torre de Hércules que vos viu nacer e que vos protexe e guía”. Neste senso, apuntou que “desde a Xunta seguimos con preocupación os acontecementos que alteran a vida desta entidade e mostrou a súa confianza en que, “máis pronto que tarde, acharase unha solución por parte do Concello que garanta, de entrada, cando menos outros 87 anos máis de vida”.

 

Trenor destacou que este club cimentouse co entusiasmo dun grupo de veciños e logrou converterse en protagonista da vida social, cultural, deportiva e mesmo política da cidade. “Unha traxectoria que avanza con paso firme cara ao grao de centenario e que merece todos os nosos respectos e toda a nosa admiración” apuntou.

 

O delegado da Xunta felicitou tamén aos socios que recibiron a insignia como recoñecemento aos seus cincuenta anos de fidelidade. “Adórnavos a virtude de vivir máis da metade da vida do Club do Mar, o que vos converte en obreiros especializados da edificación desta sociedade, desta cidade e de Galicia. Grazas por todo e que a saúde vos acompañe durante moitos anos que vos quedan de gozar deste pequeno paraíso”, rematou.

Imaxes relacionadas