O Goberno galego continúa coa programación das obras de urbanización da 1ª fase do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que supoñen un investimento de case 910.000 €

A Xunta reabre ao tráfico a rúa Doadores de Sangue en Ferrol, coincidindo co inicio do curso escolar

A rúa quedou aberta á circulación pasadas as 19,00 horas, restando o pintado dos pasos de peóns nas entradas aos colexios, que está previsto acometer para mañá pola noite

Seguindo o cronograma de actuacións, as tarefas nesta rúa na parte que linda co hospital suspenderanse ata a primavera para coordinalas coa obra da 1ª fase do hospital

Continúan os traballos en marcha no aparcadoiro do hospital Naval coa extensión do firme nas primeiras capas co obxectivo de rematar a obra a mediados do vindeiro mes de outubro, sempre que meteoroloxía sexa favorable para o secado do firme

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2022

A  Xunta vén de reabrir esta tarde ao tráfico a rúa Doadores de Sangue, en Ferrol, dando cumprimento ao compromiso de abrir a rúa para o inicio do curso escolar, mañá día 8 de setembro.

A rúa quedou aberta ao tráfico pasadas as 19,00 horas desta tarde. Mañá pola noite procederase ao pintado dos pasos de peóns nas entradas aos colexios, que son os traballos que restan.

O remate desta primeira etapa na intervención na rúa Doadores de Sangue, enmárcase nas obras, iniciadas a principios de xuño, da primeira fase do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que suporán un investimento da Xunta de case 910.000 euros.

Tal e como estaba previsto, e seguindo o cronograma das obras da Xunta, os traballos na rúa Doadores de Sangue na parte que linda co hospital suspenderanse ata a primavera próxima para coordinalos coa obra da 1ª fase do hospital.

En canto ás tarefas en marcha no aparcadoiro do hospital Naval seguen os traballos nas extensión do firme nas primeiras capas, unha vez terminada a explanación. Esta fase das obras necesita tempo seco, así que estará condicionada polas condicións climatolóxicas.

A previsión inicial é terminar a obra para mediados do vindeiro mes de outubro, unha actuación que permitirá dispor do dobre de prazas de estacionamento, grazas a un investimento autonómico de 662.000 euros.

No seu conxunto, as obras primeira fase do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol dotarán de acceso viario a planta soto -2 proxectada na ampliación e reforma do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Este novo andar das instalacións sanitarias estará destinado a prestar servizos auxiliares do hospital, como lavandería ou restauración

En paralelo, a Xunta segue a traballar na gran renovación da sanidade pública de Ferrol á que se destina un investimento que supera os 58 M€. Esta aposta ten a súa maior expresión na ampliación do Complexo Hospitalario de Ferrol.

Imaxes relacionadas