A Xunta dota de novo pavimento á estrada autonómica LU-611 en Bóveda

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que entre hoxe e mañá concluirá a mellora do pavimento nun treito de algo máis de 4 quilómetros, que se completará con outras actuacións de reforzo da seguridade, como o repintado da sinalización horizontal

Bóveda (Lugo), 7 de setembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dota de novo asfaltado o treito da LU-611 ao seu paso polo concello de Bóveda no que está a executar obras de mellora que comezaron este verán.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos, que supoñen o reforzo do firme en algo máis de catro quilómetros desta estrada de conexión con Taboada, desde a glorieta de Rubián -no punto quilométrico 1 - ata o punto 5+030. Segundo avanzou, os traballos de mellora do pavimento quedarán concluídos entre hoxe e mañá.

Nesta vía executouse a regularización do pavimento e a continuación dotouse dunha nova capa de rodadura con mestura bituminosa en quente en todo o ancho da calzada.

Arias lembrou que estes traballos están incluídos nun contrato de máis de 1,5 millóns de euros para acondicionar tres estradas que vertebran as comunicacións da Zona Sur de Lugo. Así, ademais da LU-611, tamén se actúa na LU-617 e a LU-603 no seu percorrido por Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Bóveda.

A renovación do firme completarase cunha serie de actuacións para mellorar a seguridade como a instalación de sinalización horizontal, tacos de resalto, captafaros, barreira de seguridade ou cunetas.

Imaxes relacionadas