A Xunta salienta que o novo recoñecemento obtido pola Business Factory Auto avala a aposta da automoción galega pola innovación

O director do Igape, Fernando Guldrís, asiste en Salamanca á feira do emprendemento Startup Olé 22, onde esta aceleradora impulsada pola Administración autonómica obtivo o Premio Best Hub
 

Desde a súa posta en marcha esta iniciativa permitiu impulsar 64 novas empresas que xeraron máis de 550 postos de traballo en Galicia
 

O bo funcionamento da BFAuto reflíctese tamén no carácter internacional das empresas participantes, xa que o 24% xa exporta os seus produtos ou servizos

Salamanca, 7 de setembro de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na feira do emprendemento Startup Olé ’22, unha iniciativa que reúne en Salamanca a centos de emprendedores, investidores, corporacións e outros axentes do ecosistema emprendedor, e que distingue algúns dos proxectos máis destacados. Así, nesta edición a feira vén de recoñecer á Business Factory Auto (BFAuto) co Premio Best Hub, un galardón que avala a aposta da automoción galega pola innovación e pola transformación dixital.

 

Este novo recoñecemento obtido pola BFAuto súmase ao premio na categoría de mellor aceleradora nos South Europe Startup Awards, no ano 2020, ou o I Premio Nacional de Movilidad en 2021 na categoría para ONG, fundacións e asociacións, entre outros.

 

Deste xeito, a BFAuto tense convertido nunha panca de transformación desta industria, contribuíndo a xerar talento e innovación en Galicia. Desde a súa posta en marcha a aceleradora permitiu impulsar 64 novas empresas que xeraron máis de 550 postos de traballo na Comunidade.

 

“Trátase de empregos altamente cualificados e capacitados para facer fronte aos retos da Industria 4.0, relacionados coas novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, Big Data ou Internet das Cousas”, salientou Guldrís, lembrando que está previsto que as compañías que forman parte da BFAuto pechen 2022 con máis de 90 millóns de euros de ingresos.

 

Ademais, este bo funcionamento da aceleradora reflíctese no carácter internacional das empresas participantes, “destacando que o 24% destas compañías xa exporta os seus produtos ou servizos”.

 

Esta aceleradora pioneira suma os esforzos do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), Stellantis, Zona Franca, Vigo Activo e a Xunta. Desde a súa posta en marcha busca converterse nun centro de referencia internacional para dar resposta aos desafíos globais da industria automobilística, actuando sobre eidos como a fábrica intelixente, a loxística 4.0, as comunicacións vehículo a vehículo, o coche conectado, a eficiencia no motor, a reparación automática, o GPS e localización e a condución segura.

Imaxes relacionadas