O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe de forma telemática á Conferencia sectorial de Enerxía

Galicia defende que as comunidades autónomas sexan coñecedoras das medidas que adopte o Goberno para rebaixar o prezo eléctrico

“Ata o de agora o Goberno acertou cando escoitou a Galicia”, di Conde
 

Pide que, agora, se estableza un prezo eléctrico estable, como a Xunta vén pedindo en reiteradas ocasións, que axude aos grandes consumidores industriais a seguir adiante e que garanta a actividade e os postos de traballo

Lugo, 7 de setembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, defendeu hoxe que as comunidades autónomas sexan coñecedoras das medidas de aforro enerxético que o Goberno vai trasladar a Europa no Plan de Continxencia para constatar que haxa consenso e acordo.

 

Conde participou hoxe na Conferencia sectorial de Enerxía, onde reclamou que se teña en conta ás comunidades autónomas antes de pechar ese documento. “Ata o de agora o Goberno acertou cando escoitou á Xunta de Galicia —dixo— e nós esperamos que, igual que rectificou no IVE do gas e a electricidade e nas medidas que se van aprobar para as empresas de coxeración, volva acertar adoptando as propostas que lle estamos trasladando”.

 

Esas propostas, segundo apuntou, pasan por “rectificar e que as medidas que hoxe son obrigatorias pasen a ser recomendacións para as familias, para as empresa e para o comercio” que, no caso das administracións deben ser de obrigado cumprimento. Tamén por establecer un prezo eléctrico estable, como a Xunta lle vén pedindo en reiteradas ocasións, que axude aos grandes consumidores industriais a seguir adiante e que garanta a actividade e os postos de traballo. E, xunto con isto, Conde lembrou a necesidade de “acelerar medidas” desde o punto de vista da axilidade administrativa e no eido da planificación eléctrica 2021-2026 para impulsar o desenvolvemento das renovables.

Imaxes relacionadas